A CRTVG exporá en Vigo a súa estratexia de innovación en produtos e canles

venres, 23 de novembro do 2018 Redacción

A CRTVG participará mañá nas xornadas Galicia 4.0. Perspectivas da empresa ante a cuarta revolución tecnolóxica que organizan en Vigo o Colexio de Enxeñeiros Industrias de Galicia e a Asociación para o Fomento da Innovación, Coñecemento e Emprendeduría e nas que participan as principais empresas e entidades do eido da innovación.
O director de Innovación e Negocio da Corporación, Xosé Pereira, intervirá cun relatorio ás 11:30 horas no que explicará a visión da CRTVG ante o novo panorama audiovisual, e os retos de futuro da televisión e do sector audiovisual, entre eles a necesidade de pensar en dixital ante calquera proxecto, e de adaptarse aos novos modelos de consumo da audiencia.
Pereira explicará a estratexia que a CRTVG vai seguir nos anos vindeiros e a reorganización dos modelos de produción que se están a acometer este ano. Á dixitalización dos sistemas de produción que rematará coa emisión en HD, súmase o deseño de novos proxectos para converter os medios públicos galegos nun centro de produción de contidos multisoporte e interactivos, nunha contorna que pronto será plenamente dixital.

PUBLICIDADE