A CRTVG investirá en 100 proxectos audiovisuais para as novas canles dixitais

mércores, 31 de outubro do 2018 Redacción

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, presentou hoxe ante a Comisión de Control da CRTVG do Parlamento galego a estratexia dos medios públicos para os vindeiros anos. Esa estratexia vén marcada por sete grandes retos que condicionarán o sector audiovisual europeo e por un plan de dinamización do sector en Galicia. Ademais, remarcou o rotundo compromiso da CRTVG coa dixitalización e a innovación como vías de desenvolvemento e sustentabilidade ante os cambios normativos e os modelos de consumo e de contidos que impoñen xa as novas plataformas de comunicación global que imperan no mercado, os coñecidos como GAFAN (Google, Amazon, Facebook, Apple e Netflix).
Nunha comparecencia a petición propia, Sánchez Izquierdo sinalou que unha vez acometida a dixitalización dos seus sistemas de produción, a CRTVG afronta unha etapa marcada polos novos retos tecnolóxicos, económicos e de consumo, e pola entrada en vigor antes do remate deste ano da revisión da Directiva europea de Servizos de Medios Audiovisuais de 2010, que obrigará a mudar a lexislación española e galega ao respecto.
Sánchez Izquierdo sostivo que «a radiotelevisión pública segue sendo necesaria na sociedade de Internet e é preciso seguir mantendo canles para o debate e a riqueza da pluralidade e diversidade cultural, lingüística, social e democrática das sociedades europeas», pero alertou dos retos da sociedade de Internet, «que esixen máis e mellores servizos nun momento en que os recursos económicos son inferiores, entre outras razóns porque a publicidade está migrando para as redes e plataformas de Internet, nas que resulta indispensable posicionarse». Por esa razón, as radiotelevisións públicas europeas precisan «consolidar modelos e marcos de financiamento sostibles, estables e plurianuais para poder enfrontarse aos novos retos de planificación da transformación tecnolóxica e á innovación que requiren as novas formas de consumo audiovisual».
Respecto do sector audiovisual galego, o director xeral salientou que a produción de ficción promovida pola CRTVG desde hai 20 anos «creou escola e axudou a impulsar a imaxe de marca de Galicia, destacando que “no 2008 o 58% da programación que se emitía na TVG estaba feita en Galicia e no 2017 o 97% do que se emitiu na TVG está feito en Galicia», o que expresa o peso real da aposta da CRTVG na última década.

Investimento no talento galego con 100 proxectos para as canles dixitais

Neste senso, Sánchez Izquierdo anunciou que a CRTVG investirá na produción de novos formatos cun plan de 100 proxectos de contidos audiovisuais para as novas canles de radio e televisión para difundir a través de Internet, dirixido a creadores novos, sen restar capacidade de produción e emisión nas canles tradicionais. Os obxectivos do plan son promover o talento creativo en Galicia; incrementar a produción de contidos para esas novas canles en Internet; e acadar que eses novos creadores se formen para dar o salto fóra de Galicia. Izquierdo puntualizou que «o plan desenvolverase ao mesmo tempo que se renovan os contidos tradicionais da radio e a televisión que se difunden para Galicia e para as comunidades de galegos que viven noutras partes de Europa e América, vencellados de forma destacable coa nosa terra a través da CRTVG».
Sinalou que, unha vez acometida a dixitalización dos seus sistemas de produción, a CRTVG afronta unha etapa marcada polos novos retos tecnolóxicos, económicos e de consumo, e pola entrada en vigor antes do remate deste ano da revisión da Directiva europea de Servizos de Medios Audiovisuais de 2010, que obrigará a mudar a lexislación española e galega ao respecto. Neste eido, xorden proxectos coma este, «se hai anos a renovación da televisión de Galicia xirou arredor da creación propia de series de ficción na nosa lingua e a partir do noso singular imaxinario, agora o reto é -sen abandonar as liñas e as tendencias dos programas consolidados- crear contidos para as redes e plataformas dixitais, para a chamada televisión na nube, para achegarse a novos públicos locais e globais que non consumen radio e televisión convencional porque xa teñen outros costumes e formas de acceso á comunicación».

Sete grandes retos para os vindeiros anos

O plan de actuación aprobado para os próximos dous anos traza os retos para manter un sector audiovisual propio, independente e internacionalizado en Galicia, xa que como sinalou o director xeral «o que non podemos asumir nunca é a desaparición dos medios de comunicación públicos porque deben seguir sendo os garantes máximos da atención a todos os estratos dunha sociedade coma a nosa e porque son os únicos que poden salvagardar a presenza da cultura, da lingua, da información de proximidade».
1- O primeiro reto son os novos patróns de consumo da cidadanía, que accede aos contidos das novas plataformas desde calquera dispositivo, desde calquera lugar e desde calquera momento. Isto obrigará aos poderes públicos a xestionar do xeito máis eficiente posible a participación de modelos públicos de comunicación en plataformas xa existentes ou de iniciativas diferentes ás públicas.
2- O segundo reto son as novas competencias profesionais que marcan as novas titulacións universitarias e de formación profesional, e ás que as empresas audiovisuais teñen que adaptarse, xa que «eses profesionais que agora se forman esixen o noso compromiso para crear empresas modernas e innovadoras». Por iso, puntualizou «é a nosa responsabilidade como directivos, promover os cambios empresariais necesarios para que os traballadores poidan facer o seu traballo nun contexto dixital, dinámico e adaptado ás necesidades da audiencia, como por exemplo a produción informativa e de entretemento con ferramentas de uso cotián como o teléfono móbil e de utilizar a mellor tecnoloxía para chegar antes e contar mellor as historias que un galego e unha galega deban coñecer para estaren ben informados».
3- O terceiro reto é a sustentabilidade económica. Nunha situación de redución de financiamento público, e nun contexto no que a publicidade está a posicionarse máis nas plataformas dixitais, Sánchez Izquierdo sinalou que o sector empresarial debe estar presente no novo modelo de medio público, e a importancia da comercialización dos produtos audiovisuais en todas as novas canles, «máis alá do televisor no fogar e da radio no coche».
4- O cuarto reto, sinalou, é o goberno dos medios públicos, con distintos modelos segundo os países: “cómpre analizar polo miúdo as avantaxes doutros modelos de elección de responsables directivos coma a elección por parlamentos coma este, ou por comisións formadas baixo o paraugas de estruturas públicas consolidadas, como pode ser o caso da BBC. O que si queda claro é que acertar no modelo de goberno e control é unha garantía dun modelo de servizo público robusto, ao igual que se fai noutros tipos de estruturas fundamentais para un estado democrático, como a educación ou a sanidade”.
5- O quinto reto son os contidos, desde a perspectiva da xestión dos dereitos de actividades, «que están sucumbindo a unha sorte de modelo de negocio fundamentado na estipulación desproporcionada dun valor económico que cada vez está máis lonxe da realidade. Aproxímase un escenario cheo de incertezas que fan pensar nun futuro próximo nunha elitización das retransmisións en directo, unha das principais fortalezas da televisión en aberto». Ante esta situación, «a CRTVG debe asumir retos concretos, como participar en coproducións de ficción internacionais e loitar pola capacidade de emisión dos deportes de base, feminino e alternativos. Por iso, chegamos a acordos de interese xeral con organismos públicos, pero tamén con clubs deportivos galegos que priorizan o interese xeral aos acordos comerciais globais».
6- O sexto reto é o transporte do sinal, xa que «a década dos anos 20 do século XXI vai nacer coa aparición dun novo xeito de transportar o sinal desde os emisores ata os receptores. Son tempos do 5G, da Internet das Cousas e da hiperconectividade. Nese reto debe estar a CRTVG tanto con decisións técnicas puramente, como a implantación das emisións de HD ou de Full HD, como con decisións estratéxicas como a creación e participación de plataformas de distribución por todos os soportes posibles. Debemos garantir o dereito de calquera familia, sexa do centro de Vigo ou do centro dos Ancares, para gozar na mellor das condicións dos contidos da radio e da televisión de Galicia».
7- Por último, o sétimo reto fai referencia ao novo marco normativo, xa que «nos moveremos nun escenario con novas regras, como é o novo marco normativo chegado da nova directiva europea e as novas regulacións laborais, que buscan mellorar a competitividade e a calidade do traballo, que debe ser tamén un alicerce que a nosa Corporación debe aproveitar nesta nova fase de crecemento».

Formación para a cidadanía dixital para 2019

Sánchez Izquierdo lembrou a responsabilidade social corporativa (RSC) da CRTVG cos seus principios fundacionais, coa promoción e difusión da lingua, coa participación social, a transparencia e a rendición de contas, e tamén co reto da formación, alfabetización e educación para cidadanía dixital, como insta a Comisión Europea.
Neste eido, anunciou que se poñerá en marcha o próximo ano un proxecto de formación para a cidadanía dixital para explicar aos públicos novos a significación da responsabilidade do acceso, uso e consumo da comunicación na sociedade de Internet. Os medios públicos galegos xa se anticiparon ás recomendacións europeas, desenvolvendo no 2018 o seu territorio de Comunicación arredor da dixitalización de Galicia e dedicando, o pasado mes de febreiro, a súa primeira campaña de RSC, A Internet Segura, aos cativos e pais, para conciencialos do novo escenario dixital.

PUBLICIDADE