A CRTVG renova a súa páxina web estreando 2 novas canles de vídeo en streaming

venres, 3 de xuño do 2016 Marcus Fernández

A Corporación da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) potencia a súa páxina web como canle de comunicación a través da súa reorganización e cambio de deseño que presenta unha nova organización en bloques temáticos, cun deseño máis horizontal e sinxelo, para facilitar aos usuarios o acceso aos contidos.
A novidade máis salientable do novo deseño da páxina web da CRTVG é un bloque con acceso aos directos da TVG e da Radio Galega que, aparte das retransmisións en streaming habituais, inclúe tamén dúas novas canles de emisión en directo exclusivas da Internet: unha canle infantil e outras na que poden verse os mellores momentos da semana da TVG.
No tocante aos bloques temáticos, o usuario pode acceder en primeiro lugar a un módulo dedicado aos servizos Informativos, de xeito que axilízase o acceso ás novas máis importantes do día, que enlazan coas novas e vídeos correspondentes; mentres que no segundo módulo, de Televisión, preséntase información sobre o prime time diario, e a algúns programas relevantes de cada día da semana. Tampouco falta un módulo de Deportes, con novas destacadas.
Tras esta escolma de contidos audiovisuais chega o módulo da Radio Galega, onde teremos o último boletín informativo, entrevistas de actualidade e información salientable elaborada polos servizos informativos da emisora.
Completan a portada da páxina os módulos de O Tempo (con información meteorolóxica xeral, por localidades e incluso con atallos a cámaras web), Cultura (con información de literatura, música, cine...), Corporación (novas relativas á CRTVG), o Servizo Á Carta (plataforma de vídeo baixo demanda da TVG) e unha escolma de Outros Servizos.