A Cámara de Santiago móstranos nunha xornada os aspectos legais do comercio electrónico

martes, 4 de outubro do 2022 S. P.

O vindeiro 11 de outubro a Cámara de Comercio de Santiago, ao abeiro das actividades da Oficina Acelera PEME (Red.es), vai organizar a xornada sobre as cuestións da normativa vixente que temos que ter en conta á hora de afianzarnos no comercio electrónico. A xornada Aspectos legais da venda por Internet celebrarase en horario de 10.00 a 11.15 horas, na sede da Cámara no Polígono de Costa Vella.
Comezará cunha presentación dos obxectivos e cometidos da Oficina Acelera PEME e proseguirá abordando os seguintes contidos: leis que afectan á venda en liña; obrigas para a recompilación de datos de usuarios/cliente. Como enviar correos electrónicos e SMS publicitarios, información obrigatoria nunha tenda en liña e aspectos da contratación en liña (requisitos, prazos de entrega, dereito á desistencia, etc).
O relator será Ramón Rey García, avogado e doutor en Dereito pola Universidade de Alcalá de Henares, mestrado en Dereito de Autor e Novas Tecnoloxías pola Universidade de Comillas ICADE/ ICAI e especialista en Dereito Civil (Universidade de Santiago de Compostela). Ramón Rey desenvolveu a súa carreira profesional en Axencia Española de Protección de Datos e Castelao Avogados, boutique xurídica especializada en dereitos de autor e dirixida ás industrias culturais e tecnolóxicas.
As Oficinas Acelera Peme (OAP) inclúense non Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 (POPE), co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e pola Entidade Pública Empresarial Red.es.

PUBLICIDADE