A Casa dos Poetas tira partido das redes sociais para achegarse á mocidade galega

martes, 26 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A Fundación Curros Enríquez, con sede na Casa dos Poetas de Celanova, apuntouse nesta recta final de abril ás novas tendencias da comunicación que se impoñen: as que animan á participación directa de tódolos destinatarios dos datos que se emiten. De feito, podemos ver xa a presenza da entidade cultural nas redes sociais Twitter e Tuenti, que cómpre sumar á incorporación o ano pasado á rede social Facebook, onde a Fundación ten máis de 1.200 amizades.
Coa incorporación a estas plataformas”, informan dende a entidade, “preténdese aumentar o número de destinatarios de información das actividades e novidades da Casa dos Poetas, ademais de difundir a poesía de Celanova sen límites xeográficos”. Máis polo miúdo, o gran obxectivo da Fundación é favorecer o achegamento á mocidade, que a fin de contas é a principal usuaria das devanditas reces sociais, e tamén, a gran destinataria dunha boa parte das actividades que se levan a cabo na Casa dos Poetas, sede do ente cultural. De feito, a franxa de idade maioritaria nos grupos atendidos no dito inmoble cultural é de entre os 14 e os 17 anos, rapaces que comezan o seu achegamento á literatura ou que complementan coa visita e as lecturas poéticas guiadas os coñecementos adquiridos nas aulas.

PUBLICIDADE