A Cátedra R envorca esforzos en Ciber.gal e recorda que a ciberseguridade xa non é unha opción
mércores, 10 de novembro do 2021
Este
10
de novembro abriu as súas portas a primeira edición do encontro
Ciber.gal, o nodo de Ciberseguridade da Xunta de Galicia. Entre
as entidades colaboradoras e patrocinadoras do evento atópase a
Cátedra R en Ciberseguridade, que participa activamente no programa
das dúas xornadas que inclúe o evento, a de hoxe e a de mañá, na
Cidade da Cultura de Santiago. Neste marco, a cátedra impulsada pola
operadora galega de telecomunicacións e as Universidades da Coruña
e Vigo sinalou na primeira xornada de actividades que a
ciberseguridade non é unha alternativa nin unha opción.
O
primeiro día do encontro incluíu un panel de debate dirixido aos
sectores industrial e empresarial (o panel COVID-19 e industria:
cando non queda máis remedio que abordar a Ciberseguridade) onde
expertos en protección tecnolóxica compartiron a súa visión sobre
a situación actual e futura desta área, tanto nos procesos de
fabricación coma nos negocios. Susana Rey, responsábel de
Privacidade de R, coordinou o debate, e na presentación do tema
destacou que, dende o inicio da pandemia “falouse sobre todo do
impacto que os cambios introducidos pola COVID-19 supuxeron na
sociedade: teletraballo, comercio electrónico, teleasistencia,
telebanca... Mais moitos deses cambios lles afectaron tamén de cheo
a sectores industriais esenciais” que asumiron igualmente a
necesidade de incorporar a ciberseguridade ao seu labor diario. E
engadiu: “A ciberseguridade industrial non é unha opción”.
Belén
Pérez, coordinadora do Centro de Ciberseguridade Industrial en
Galicia asegurou, nesta liña, que lle parecía “un acerto o
enfoque deste panel de debate porque o que queremos é deternos nesa
parte ata o de agora bastante esquecida da protección tecnolóxica;
normalmente centrámonos na área dos sistemas e da tecnoloxía, na
parte da información. E hoxe poñemos en valor estoutro capítulo da
ciberseguridade industrial que, sen dúbida ten un impacto directo
na vida das persoas, por iso parécenos tan importante”.
Armand
Pascual, subdirector da área de Ciberseguridade Industrial de S2
Group, dixo que coa pandemia puidemos constatar a necesidade de
“estarmos preparados fronte á materialización de ameazas que,
aínda que sexan pouco probábeis, poden ter un impacto devastador.
Debemos trasladar esta idea ao ámbito da protección tecnolóxica
nas contornas industriais, non só con medidas exclusivamente
técnicas, que son importantes, senón tamén con outras
procedementais e humanas (sensibilización, formación e
concienciación)”.
Na
charla tamén participou o responsábel de Seguridade da Información
de Coren, David González e máis Iago Crespo, responsábel de
Seguridade da Información de UFD, quen asegurou que “a pandemia
acelerou liñas estratéxicas previstas nos nosos plans directores de
ciberseguridade, e tivemos que mudar algunhas prioridades e
executalas en tempo récord para seguir ofrecendo o servizo esencial
que prestamos sen que se resentise (...) Esa aceleración impulsou
unha maior concienciación e mellorou os plans de continuidade de
negocio en todas as súas vertentes: a día de hoxe somos moito máis
resilientes que antes da pandemia”.
No
obradoiro Detección, identificación e análise de ameazas en
redes e aplicacións, celebrado
este 10 de novembro, debulláronse as principais ameazas existentes
de malware e a forma
de previlas e neutralizalas. Sobre estas cuestións falou o
profesor Juan Carlos Burguillo (UVigo), que explicou que “os
troianos, os virus ou o spyware son tipos de malware
que usan os cibercriminais para acceder ás redes, computadores ou
dispositivos móbiles empregando software malicioso para roubar
datos e/ou diñeiro. Os troianos supoñen máis da metade do malware
atopado nos equipos, e a nivel global, cada día, centos de
pequenas e medianas empresas caen vítimas de ataques de ransomware”.
A
profesora Elena Hernández, pola súa banda, comentou o doado que é
infectar un equipo: "Para que un malware afecte a un
dispositivo ten que instalarse nel, e para iso non é necesario máis
que descargar un adxunto a un correo a través dunha ligazón ou
descargar un programa coñecido dende un sitio gratuíto. E o dano
xa está feito”.
O reto
O
lanzamento do reto Cátedra R e Gradiant será na tarde deste
mércores 10 de novembro e estará aberto a calquera rango de idade e
nivel de estudos entre os/as alumnos/as de centros de ensino galegos.
Trátase de que poidan demostrar, a través do concurso Capture
the Flag, as súas habilidades e destrezas
resolvendo problemas relacionados con temáticas como a
criptografía, a análise forense, o networking e/ou o
reversing.
Este
xoves entregaranse os premios Cátedra R en Ciberseguridade
UVigo-UDC, no contexto do Sistema Universitario Galego (SUG).
Trátase de dous premios para Traballo Fin de Grao (de 300 € cada
un), outros dous para Traballo fin de Mestrado (de 400 € cada un
deles) e un para o mellor traballo de investigación de Tese
Doutoral (de 700 €). Ademais, outorgaranse tamén dous premios do
reto Cátedra R e Gradiant, de 700 € e 300 €.