O Arquivo Sonoro de Galicia divulgou os seus fitos nunha xornada no CCG

xoves, 11 de abril do 2024 S. P.

Este xoves celebrouse na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago a xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura, organizada polo propio CCG e o seu Arquivo Sonoro (ASG).
Nela participaron María Jesús López, Xaime Estévez Vila e Beatriz Cancela e outros especialistas en documentación.
O director do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), Alejo Amoedo, inaugurou a xornada xunto coa coordinadora-técnica do arquivo, Cristina Pujales, e destacou o valor que ten o documento sonoro como “fonte de información primaria”, en tanto permite acadar “unha comprensión mais completa do noso pasado e presente”.
A sesión comezou co relatorio O documento sonoro como fonte primaria de información, a cargo de María Jesús López, xefa do Servizo de Documentos Sonoros e Audiovisuais do Departamento de Música e Audiovisuais da Biblioteca Nacional de España. Nel expuxo o valor que ten o patrimonio sonoro, pois “preserva desde as memorias persoais ata as memorias colectivas das culturas e dos pobos”. Neste sentido, apuntou que os documentos sonoros permiten “escoitar as músicas e as voces do noso pasado e conservar as nosas voces e a nosa música para o futuro”, polo que constitúen unha fonte de información esencial para “musicólogos, historiadores, antropólogos, etnomusicólogos e outros investigadores”. A continuación, realizou un percorrido histórico polos soportes en que se rexistrou primeiro a música e, posteriormente, a voz. Falou dos primitivos discos perforados, dos cilindros de cera e dos discos de lousa, así como dos vinilos, dos soportes magnéticos e dos soportes dixitais actuais. Finalmente, destacou o labor que a Biblioteca Nacional e o ASG están a realizar para conservar os fondos sonoros da cultura española e galega, respectivamente. Búscase garantir, deste xeito, a supervivencia de arquivos e coleccións persoais e institucionais, “unha supervivencia que, noutros casos, se podería poñer en risco ao estar rexistrada en soportes efémeros”, afirmou María Jesús López.
Trala súa intervención, Xaime Estévez Vila, catedrático de Música no ensino secundario e membro da Comisión Técnica do ASG, centrouse en expoñer a singularidade dos fondos que se custodian no Arquivo Sonoro de Galicia. Profundou no aspecto didáctico aplicado ás “gravacións da música galega”, así como nas “conexións atopadas coa xeografía, a literatura, a historia e outras disciplinas susceptibles de ter no ASG unha fonte de información única”.
Os fondos dispoñíbeis no Arquivo Sonoro de Galicia, concretamente aqueles pertencentes ás bandas de música e aos orfeóns, foron o eixe central do relatorio de Beatriz Cancela. A musicóloga e membro da Comisión Técnica do ASG iniciou a súa conferencia analizando a evolución histórica das bandas de música e do movemento coral, “dúas manifestacións musicais colectivas senlleiras que arraigaron con forza en Galicia”. Ambos os fenómenos, dixo, acadaron unha gran relevancia desde mediados do século XIX e sentáronse “en todos os estratos sociais, funcionaron como axentes transmisores e difusores culturais, e espallaron repertorios amplos e versátiles”, indicou. Cancela explicou tamén como as bandas de música afeccionadas constituíron un modo “de formar e instruír as clases menos favorecidas” e como, desde o punto de vista profesional, destacaron, fundamentalmente, “as bandas militares ou as pertencentes á Administración local (municipais)”.
Alén desta aproximación histórica, Beatriz Cancela profundou nunha “mostra dos vestixios conservados nos distintos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia”. Destacou o labor de conservación e salvagarda da música dos orfeóns realizado polo ASG, onde están depositadas as gravacións históricas de 1904 do orfeón El Eco (A Coruña, 1881) e do coro Aires d’a Terra (Pontevedra, 1883), conservadas en discos de lousa. Xunto con estes fondos, destacou tamén os pertencentes ás “gravacións de bandas de música galegas e profesionais do territorio nacional, como a Banda Municipal de Madrid ou a homónima barcelonesa, interpretando repertorio galego como a Alborada Gallega de Pascual Veiga”.

As intervencións puideron seguirse en directo a través de YouTube

PUBLICIDADE