A Cidade Perdida: un proxecto web e audiovisual para que o Vigo do pasado siga en pe

mércores, 8 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Internet é coma o sitio onde imos facer preguntas e onde agardamos que alguén nos conteste, logo de deixalas aí para que (quen sabe) xermolen ou reverdezan e vixiándoas de cando en vez e coa esperanza de atopar claves para unha sociedade máis xusta. Da longa listaxe de causas máis ou menos perdidas polas que pelexamos perante a pantalla, hai algunhas que nos tocan moi preto e nesta liña insírese un compromiso que se tivese representación física sería a dun galego pegándolle cun paraugas a unha escavadora (ou mesmo un panel informando dun complexo residencial inminente servindo de tendal da roupa).
Falamos da loita a prol da conservación da arquitectura do pasado, patrimonio que, coma a mesma paisaxe galega semella en proceso de vampirización. O caso é que o proxecto do que falamos agora, Acidadeperdida.org, ofrece na súa web unha proposta visual máis axeitada ca calquera das devanditas máis arriba, sobre todo por que é real: o recinto dunha vella factoría de Vigo acompañado dun cartel de Macdonald´s que sinala (coma un afinar de maquinaria pesada) un futuro emprazamento.
Este máis ca inminente arrecendo a hamburguesas que substitúe ós vellos usos da industria galega é só unha parte ou (por dicilo así) un símbolo do que significa este proxecto. En realidade, a web acompáñase dun filme documental, A cidade perdida (que se presenta este venres), e ámbalas dúas iniciativas tratan sobre o patrimonio arquitectónico esquecido da cidade de Vigo, como tamén o fai o blog Panificadora Amputada, que é outra extremidade do proxecto e que reivindica o valor histórico e urbanístico de enclaves fabrís como a Panificadora, a Metalurxia ou a Fábrica de Almacenaxe de Santa Clara. Igualmente, a web Acidadeperdida.org inclúe foros e mesmo un espazo para achegar sinaturas a prol da conservación destes espazos en Vigo, que son moito máis importantes do que unha boa parte da sociedade galega considera, e que –tanto no caso dos espazos industriais como no das vivendas- recibiu influenzas directas de tódalas vangardas artísticas de finais do século XIX e principios do XX. O proxecto, que constitúe unha nova mostra de compromiso e loita a través da Rede e a expresión audiovisual (neste caso, en contra da deixadez do Concello e o “concello” mesmo de Vigo), está a ser desenvolvido por Miguel A. Romero (director) Beatriz Vázquez, Natalia Morales e Celso Ferreira.

PUBLICIDADE