A Comisión Europea adxudícalle a Technosite a análise das súas webs

venres, 27 de marzo do 2009 Raquel Noya

En Europa existen, na actualidade, máis de 40 millóns de peroas con algún tipo de discapacidade (ás que hai que sumar as persoas maiores), que non teñen as mesmas posibilidades de beneficiarse das vantaxes que ofrece a Rede de Redes que o resto de internautas cos que conviven por mor do deseño e usabilidade de algunhas webs.
Para evitar que isto suceda e permitir que tódalas persoas sen excepción teñan as mesmas oportunidades para acceder plenamente á sociedade da infomación, Internet debe ser totalmente accesible e cun deseño que permita que este colectivo poida percibir, entender, navegar e interactuar polas webs sen axuda dos demais.
É por isto que a Comisión Europea vén de encomendarlle a Technosite, unha compañía española especializada en accesibilidade e usabilidade pertencente ao grupo empresarial Fundosa da Fundación ONCE, a análise da accesibilidade das diferentes páxinas web do organismo europeo, tarefa que lle foi encargada para un prazo de cinco meses e que comezará a desenvolver o vindeiro día un de abril.
A análise consistirá tanto no estado actual dos devanditos portais como as posibles recomendacións de mellora, baseándose en especificacións de relevancia, especialmente nas pautas WCAG 2.0, vixentes dende decembro de 2008.
Deste xeito, segundo vén de afirmar a directora xeral de Technosite, Blanca Alcanza, a web da Comisión “será un dos primeiros proxectos europeos que abordará a nova versión das pautas que inclúen as novas tecnoloxías relacionadas con temas de redes, blogs”…
Asemade, esta auditoría, engadiu, “é o primeiro paso para que, unha vez detectados os puntos de mellora, a Comisión Europea acometa proxectos concretos de implementación”.
Por outra banda, Alcanza sinalou que ademais do elevado número de persoas que se van beneficiar da accesibilidade da web, “o aspecto máis importante é que a páxina se convertirá nun exemplo de boas prácticas así como nunha páxina de referencia en materia de accesibilidade”.
A Comisión Europea valorou a oferta presentada pola empresa española grazas, entre outras cousas, ao alto coñecemento dos obxectivos e das tarefas requeridas, á súa completa metodoloxía de traballo e á calidade de xestión do proxecto presentado.
Tamén se tivo en conta a experiencia e o coñecemento demostrados en tarefas semellantes polos diferentes candidatos, así como a credibilidade dos seus equipos e por presentar a mellor relación calidade/prezo.

PUBLICIDADE