A Comisión Europea quere estandarizar a televisión móbil co sistema DVB-H

mércores, 18 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A Comisión Europea quere apoiar á tecnoloxía DVB-H como a opción para achegar a televisión a través do móbil na Unión Europea fronte a outros sistemas coma o DMB (popular en Corea do Sur), e a propia comisaria para a Sociedade da Información, Viviane Reding, instou ás operadoras de telefonía móbil e ás canles de televisión a adoptar este formato como estándar antes do verán.
Ademais, nos vindeiros meses a Comisión podería decretar o uso do formato DVB-H por considerar que é o máis espallado, aínda que tal medida só se tomaría se a industria non chega a un acordo.
En España xa se leva probando o DVB-H dende hai un par de anos, de xeito que os usuarios con terminais que soporten esta tecnoloxía (coma o Nokia N77, que xa está dispoñible en Finlandia) poden recibir o sinal de televisión adaptado ó móbil, optimizando o consumo de batería e non consumindo tráfico de datos (que normalmente presenta uns prezos elevados) de xeito que se converte na opción natural de televisión móbil (deixando de lado a actual televisión por UMTS que está a ter moi pouca aceptación).
O DVB-H non está pensado só para teléfonos, senón que serviría para calquera dispositivo móbil pensado para unha pantalla reducida e un baixo consumo, aproveitando para a súa difusión as propias instalacións actuais da TDT.
O Ministerio de Industria está a ultimar a adopción do DVB-H e mesmo preparan a licitación das licenzas para empregar tal tecnoloxía en España.