A Comunidade de Madrid empregará sistemas de xestión gandeira desenvolvidos pola Xunta de Galicia

luns, 30 de marzo do 2026 Redacción

O Consello de Goberno aprobou a sinatura dun convenio que permitirá á Comunidade de Madrid adaptar para o seu uso diversas aplicacións informáticas creadas pola Xunta de Galicia para a xestión do sector gandeiro. O acordo contempla a cesión dos dereitos de uso tanto da Oficina Virtual de Gandaría como doutros sistemas que facilitan a xestión integral da información por parte das unidades funcionais da Consellería do Medio Rural.
Estas ferramentas foron obxecto dunha recente renovación tecnolóxica e funcional. Entre as melloras introducidas figura a posta en marcha, no último trimestre de 2025, do sistema de xestión dos movementos gandeiros de Galicia.
O convenio será asinado, por parte da Xunta, pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mentres que pola Comunidade de Madrid participarán a Consellería de Medio Ambiente, Agricultura e Interior e a Axencia para a Administración Dixital.
A Oficina Virtual de Gandaría constitúe un portal en liña orientado ao sector, que permite consultar información e realizar trámites administrativos. Está dirixida principalmente aos profesionais da gandaría, así como a operadores comerciais, integradoras, comercializadoras e colectivos veterinarios.
Durante 2025 rexistráronse máis de 650.000 operacións nesta plataforma, entre as que destacan 170.000 altas por nacemento, 92.000 declaracións de movementos, 234.000 solicitudes de autoguía e 120.000 doutras guías. Ao longo deste ano está previsto continuar coa súa evolución, incorporando melloras como o código de verificación electrónica (CVE) nos documentos.
O acordo inclúe tamén a cesión doutros sistemas de información clave para a xestión das competencias gandeiras en Galicia, como o rexistro de explotacións e datos gandeiros, o control dos movementos de animais ou as ferramentas de xestión sanitaria. En 2025, estas aplicacións permitiron dar soporte a máis de 70.000 controis e inspeccións sanitarias, xestionar 800.000 rexistros de entrada e saída nas explotacións de arredor dun millón de animais, e tramitar 48.000 altas, baixas ou modificacións no rexistro correspondente.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia reforza o seu papel como referente na cesión de sistemas de información a outras comunidades autónomas. Entre os exemplos recentes figura o sistema de información contable de fondos europeos agrícolas, empregado ou en proceso de implantación en sete organismos pagadores doutras comunidades, así como aplicacións de xestión forestal solicitadas por Asturias e Castela e León.
Do mesmo xeito, destaca a proposta de interoperabilidade entre sistemas autonómicos e estatais de xestión de explotacións agrarias impulsada por Galicia e Andalucía, que xa conta co respaldo de todas as comunidades usuarias do sistema nacional de xestión de axudas da política agraria común e foi remitida ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.