A Coruña albergará en outono a primeira Mostra de Ciencia e Cinema

martes, 27 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Seguimos a falar de actividades vinculadas ó lecer con vontade de seren útiles para a ciencia (isto vai pola información incluída hoxe mesmo nesta web sobre unha web de vídeo xogos dirixidos a mellorar a investigación). Desta volta, a iniciativa de natureza artístico-científica cóllenos máis preto, concretamente na Coruña, cidade que servirá de escenario para a primeira edición da Mostra de Ciencia e Cinema, evento do que se está a dar conta en Chuza! e que, como o seu nome indica, encamíñase a presentar perante os seareiros galegos do cine unha escolma de filmes e documentais vinculados de xeito directo coa investigación.
A idea é dirixirse non só aos afeccionados á sétima arte, senón tamén aos investigadores presentes e futuros, tirando partido de aquilo onde unha disciplina se atopa coa outra (o cinema pode quitarlle ferro á ciencia e esta pode darlle fondo e valor ao cinema).
En paralelo e, amais das sesións de proxeccións en si mesmas, levaranse a cabo todo tipo de relatorios e mesas redondas, mostras e obradoiros variados. O programa, sexa como sexa, non está pechado (tendo en conta que aínda fican uns meses para o comezo do certame: celebrarase entre os días 22 e 25 de outubro), e así o fai constar o equipo responsable deste festival, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias.
O certame, que se desenvolverá na súa totalidade en aberto ao público (pois un dos seus grandes obxectivos é acadar a máxima difusión das obras que lle dan corpo), habilitou xa os recursos para a recepción das obras a concurso, esixíndose só que traten “calquera tema vinculado coas ciencias físicas e naturais, de xeito que contribúan á comprensión dos conceptos, procedementos e actitudes que caracterizan á ciencia”. Na web do festival inclúese de feito unha ficha de inscrición en formato pdf.