A Coruña estrea visor de obras online para informar dos traballos en espazos públicos

venres, 15 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello da Coruña presentou esta semana unha ferramenta dixital para impulsar a transparencia e o coñecemento entre a cidadanía dos traballos que se realicen no espazo público, e todo isto a través de coruna.gal. Trátase, máis en detalle, do Visor de Intervencións Municipais, unha aplicación que, como o seu nome indica, achega información á veciñanza das obras realizadas e por realizar, polo miúdo e co engadido extra de subministrar datos permanentemente actualizados.
A ferramenta foi dada a coñecer polo concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, quen sinalou que está artellada sobre tres clasificacións: traballos en espazo público (sinalados en cor violeta), accións de sustentabilidade (verde) e intervencións edificativas (en azul). Desta forma, engadiu, “a cidadanía poder ter información sobre actuacións que teñen que ver coa accesibilidade, a urbanización e a mellora da mobilidade en xeral, pero tamén sobre intervencións propias dunha cidade verde, como saneamento e iluminación e aquelas que teñen que ver coa construcións de infraestruturas sociais, equipamentos públicos e deportivos ou vivenda municipal".
Segundo explicou, o novo servizo tecnolóxico do Concello responde directamente ao seu obxectivo de ser transparente: trátase de facer uso das máis avanzadas tecnoloxías para render contas ante a cidadanía e posibilitar “que os veciños e veciñas saiban que é o que se fai cos seus recursos desde o Concello”. Do que se trata, tamén, é de lembrar que se están a realizar unha chea de obras, pero que polas razóns que sexan, apenas acadan repercusión e visibilidade entre a veciñanza.
O Visor de Obras permite tamén apreciar as obras programadas pero que aínda non comezaron a executarse e, nalgún caso, tamén actuacións aínda en proxecto. A nova aplicación posta en marcha pola Concellería de Rexeneración Urbana inclúe, ademais, información básica sobre as actuacións: orzamento, estado da obra, data prevista de remate e, incluso, documentación gráfica. O proxecto enmárcase dentro das liñas de operación contidas no proxecto EidusCoruña, que está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

PUBLICIDADE