A Coruña, recoñecida pola súa innovación en seguridade escolar

luns, 22 de decembro do 2025 S. P.

A Coruña vén de ser recoñecida a nivel estatal co Premio Nacional á Innovación nos IV Premios ás Boas Prácticas do Programa Marco Agente Tutor, entregados o pasado martes, 17 de decembro, no Centro Cultural Casa de Vacas de Madrid. A cidade foi premiada na segunda categoría, correspondente á innovación, polo programa Aprende Seguro en Aulas Seguras, impulsado desde a Unidade Axente Titor da Policía Local da Coruña, en coordinación con centros educativos da cidade.
Dende o Consistorio salientaron que “este recoñecemento supón unha distinción ao labor realizado no ámbito da seguridade e protección da infancia e adolescencia no entorno escolar, mediante accións formativas, intervencións de prevención de riscos e apoio psicosocial no marco dun modelo de policía de proximidade”.
O proxecto coruñés destacou polo seu enfoque integral e innovador na formación de docentes e alumnado sobre riscos relacionados co consumo de drogas, o acoso escolar, a ciberseguridade e a prevención da violencia.
A entrega dos premios estivo organizada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), o Plan Nacional sobre Drogas (PNSD) e a Asociación Nacional de Agentes Tutores (ANAT), nun acto no que participaron representantes das institucións premiadas e das forzas e corpos de seguridade de todo o Estado.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, destacou que "este premio supón un respaldo ao traballo realizado polos e polas profesionais da Policía Local na súa labor educativa e preventiva. É unha mostra do valor que ten investir en programas que fomentan a confianza entre a mocidade e os corpos de seguridade, ofrecendo ferramentas reais para afrontar situacións de risco".