A Cruz Vermella e Televés reciben o pulo da Xunta para desenvolver servizos innovadores de teleasistencia

mércores, 19 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Televés e a Cruz Vermella levan tempo traballando xuntas no camiño de mellorar a asistencia de persoas en dependencia. Os froitos do seu labor compartido foron recoñecidos recentemente polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG, que lles concedeu o Premio eInclusión polo seu servizo de atención a distancia para persoas maiores ou dependentes, unha plataforma a prol do envellecemento activo con capacidade de seguimento avanzado e de resposta inmediata fronte a emerxencias, amais de estar operativa as 24 horas do día. Agora, a este labor conxunto da Cruz Vermella e de Televés véñenlle de saír dous novos aliados firmes (alén do apoio orzamentario previo da propia Xunta). Por unha banda a Consellería de Política Social e, pola outra, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Segundo fixeron saber onte os responsábeis de ámbalas entidades, a súa colaboración materializarase “no apoio á pilotaxe de novas prestacións de fogar dixital sociosanitario no marco do proxecto europeo Activage, que busca crear solucións tecnolóxicas que favorezan a independencia e autonomía das persoas maiores”.
No marco deste proxecto en Galicia, engadiron, desenvolveranse e probaranse solucións de fogar dixital sociosanitario con 700 usuarios, 100 deles con necesidades puramente clínicas, 450 usuarios de prestacións sociais, e 150 con necesidades sociosanitarias.
Tamén explicaron na formalización da alianza que a pilotaxe de diferentes solucións en función dos perfís permitirá sentar os alicerces “dunha futura carteira de servizos sociais prestados desde o fogar”. Cousas como, por exemplo, coidado integral para os adultos de idade avanzada con doenzas crónicas, o seguimento da actividade diaria, a achega de solucións de seguridade e confort en casa, o subministro de estimulación cognitiva ou de prevención do illamento social, etc.
Nun plano máis concreto, a Consellería de Política Social e Cruz Vermella sinalaron que fornecerán á iniciativa do perfil e das necesidades dos posíbeis usuarios do ámbito social mentres que Televés proporcionará o desenvolvemento das solucións tecnolóxicas a través de tecnoloxía IoT (internet das Cousas).
Todo iso recóllese no convenio de colaboración asinado este 18 de xullo entre o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey; a directora da AMTEGA, Mar Pereira; o director xeral da Corporación Televés, Santiago Rey e a presidenta autonómica de Cruz Vermella, María del Carmen Colmeiro.
José Manuel Rey manifestou que “esta medida afondará na mellora da colaboración e a coordinación entre administracións e empresas en beneficio dos galegos e galegas” e lembrou que a día de hoxe, a Xunta de Galicia oferta a través de Cruz Vermella 5520 dispositivos de teleasistencia e 240 dispositivos xeolocalizadores. Tamén salientou, acerca das vantaxes concretas destas tecnoloxías, “a importancia da tranquilidade do usuario ou da súa familia sabendo que pode ser atendido nunha situación crítica a través dun botón de alarma”.
Coa sinatura deste convenio formalízase a adhesión da área social autonómica ao proxecto europeo Activage, do que xa é partícipe o SERGAS, para avanzar en solucións tecnolóxicas que dean resposta ao modelo de teleasistencia avanzada no fogar polo que aposta a Xunta de Galicia.
No acto de presentación do acordo coa Cruz Vermella e con Televés, recordouse que “a Administración autonómica está a traballar nun modelo de teleasistencia avanzada para prestar tanto servizos asistenciais a doentes crónicos como a monitoraxe continua de persoas maiores no seu fogar para identificar situacións de risco de forma automática e comunicalas de maneira telemática aos seus coidadores ou fornecedores de servizos”. Este modelo, engadiron Rey e Pereira, baséase nun único sistema tecnolóxico para os servizos sociais e sanitarios no fogar, sobre o que traballarán diferentes fornecedores de servizos en cada un dos ámbitos.
Proxecto europeo
Activage é un proxecto financiado pola Comisión Europea no marco do programa Horizonte 2020, que se levará a cabo en 7 países. Cun orzamento de 25,3 millóns de euros e un prazo de execución de 42 meses, o seu obxectivo é facer fronte ao reto que supón o envellecemento da poboación. En Galicia a iniciativa está liderada pola compañía compostelá Televés, unha das 50 empresas europeas que participan no proxecto para construír unha plataforma aberta e interoperábel baseada na Internet das Cousas (IoT) e para dar forma a solucións que favorezan a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores. Na iniciativa colaboran coa compañía como socios do proxecto Cruz Vermella, Fundación Vodafone, Fundación Tecsos, Universitat Politècnica de Valencia e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Na presentación deste 18 de xullo fíxose fincapé en que o piloto, que lidera Televés, servirá “para incrementar a interoperabilidade das solucións desenvolvidas coas principais plataformas da Internet das Cousas, reforzando aspectos como a seguridade, o intercambio de información entre os fogares das persoas que necesitan coidados e os centros asistenciais, a mellora da facilidade de uso dos dispositivos, ou a integración coas redes de telecomunicación despregadas no fogar”.

PUBLICIDADE