A D3Mobile 2020 recoñece a creatividade tecnolóxica dos escolares lugueses

venres, 4 de decembro do 2020 Redacción

Modelo en 3D elaborado no marco do D3Mobile 2020

Este xoves 3 de decembro celebrouse a cerimonia de clausura e entrega de premios da oitava edición da competición tecnolóxica D3Mobile Metrology World League, un acto no que se puxo en valor o talento e a creatividade dos estudantes dos IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria, e do IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz, que se proclamaron campións e subcampións mundiais, respectivamente. O certame, de carácter internacional, dirixiuse unha vez máis a recoñecer as mellores contribucións á metroloxía de precisión con móbil ou tableta. Amais dos ditos estudantes, un equipo do IES Muralla de Lugo tamén acadou a vitoria na modalidade de Artistas 3D.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu a gala final da VIII D3Mobile, no marco dunha sesión telemática na que tamén participaron o director do Servicio Rexional do Instituto Xeográfico Nacional, Pablo Carballo, a asesora STEM da Xunta de Galicia Julia Taboada, o deputado provincial de Lugo José Luis Raposo, e a concelleira do Concello de Lugo Ana González Abelleira.
O director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz; a coordinada do grupo Cigeo da USC, Mariluz Gil Docampo, foron os responsábeis de conducir un evento virtual ao que tamén se conectaron integrantres das distintas entidades e empresas colaboradoras, tales como Grazia Tucci, da Universidade de Florencia; María Hervada, da Fundación Mujeres; María Portela, en representación de Pemade; Paulino Martínez, como coordinador de BioReDes, e José María García Malmierca, en representación do Instituto Geográfico Nacional.
A gala de entrega de premios da VIII D3Mobile serviu asemade para salientar a calidade dos 29 modelos en 3D clasificados para a fase final desta experiencia educativa dirixida ás futuras promesas STEM e a través da que se busca capacitar á mocidade na adquisición de habilidades tecnolóxicas do século XXI. A sesión, na que tamén foron partícipes os estudantes e responsables académicos de todos os equipos premiados, coincidiu co arrinque da edición D3Mobile 2021.
Os equipos premiados, un por un
O equipo do IES Afonso Gómez de Sarria integrado por Pablo López Capón e José Manuel López Novo e coordinado por Ana Belén Lamas, recibiu o premio de campión mundial por, entre outros méritos, “elaborar un modelo 3D dunha figura de cerámica”.
Os guitiricenses Juan López Fernández, David Sanmiguel Vázquez e Cristina Calvo Roca, coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, proclamáronse subcampións por un preciso modelo anatómico dun cranio humano.
Na categoría Artistas 3D resultou gañador o modelo dunha figura da Muralla de Lugo escaneado en 3D, cuxa autoría corresponde ao equipo do IES Muralla Romana de Lugo formado polos alumnos Adrián Rego López e Alejandro Muñoz, coordinados pola profesora Marta Goy López.
O equipo da categoría de metrólogos máis votado polo público de todo o mundo foi o do IES Montes das Moas da Coruña formado polos alumnos Jorge Rifón Branco e Iago Mosquera Villegas, coordinados pola profesora Conchi Fernández Munín. Este equipo logrou dar a coñecer o seu modelo 3D dunha cunca de iogur para que obtivese gran cantidade de votos.
O premio á difusión do labor da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC BioReDes recaeu no equipo Tiquiticenses, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Juan Buján Aparici e Iria Rodríguez Carreira, coordinados polo profesor Miguel Anxo Barreiro Díaz, acadaron este galardón por un modelo 3D dun sombreiro de palla, relacionado co Grupo Agronomía e Ciencia Animal da USC.
Os alumnos IES Monte das Moas Álex Huerga Candeas, Adrián Janeiro Conde e Xurxo García Lamela, coa titoría de Conchi Fernández Munín, acadaron o premio á difusión do I+D da USC cun modelo 3D dunha árbore feita con varias pezas unidas de madeira contrachapada cortadas cun CNC láser, unha peza relacionada coa investigadora María Portela Barral, da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC (Pemade).

PUBLICIDADE