A Deputación da Coruña apoia a creación do novo Espazo Audiovisual Mans

mércores, 18 de marzo do 2026 S. P.

A deputada de Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Yoya Neira, e o vicepresidente de Fundación Paideia, Guillermo Vergara, participaron este luns 16 de marzo na inauguración do novo Espazo Audiovisual Mans, situado no Centro de Iniciativas Empresariais Mans da Fundación Paideia, no Polígono de Pocomaco (A Coruña).
A Deputación colaborou na posta en marcha deste novo equipamento cunha achega de 7.622,80 euros destinada á adquisición de equipamento técnico para o escenario audiovisual, unha infraestrutura pensada para facilitar a creación de contidos audiovisuais profesionais por parte de persoas emprendedoras, pequenas empresas e proxectos vinculados á economía social.
O novo espazo conta cun escenario dotado de ciclorama (fondo infinito) que permite realizar rodaxes e producións audiovisuais adaptadas ás novas necesidades do sector, incluíndo contidos dixitais e producións vinculadas ás novas tecnoloxías e á intelixencia artificial.
Durante o acto, Yoya Neira destacou o compromiso da Deputación co impulso do emprendemento e coa creación de oportunidades para novos proxectos profesionais. A deputada sinalou que iniciativas como esta “contribúen a facilitar o acceso a recursos técnicos e espazos profesionais que resultan fundamentais para que pequenas empresas e persoas emprendedoras poidan desenvolver os seus proxectos e mellorar a súa visibilidade”.
O Centro de Iniciativas Empresariais Mans, impulsado pola Fundación Paideia Galicia e creado en 2004 por Rosalía Mera, foi pioneiro en España no apoio ao emprendemento e no acompañamento a persoas que apostaban por crear os seus propios proxectos empresariais.
Na actualidade acolle 34 empresas de sectores como o tecnolóxico, o audiovisual, a enxeñaría ou a arquitectura, cunha presenza crecente de iniciativas vinculadas á economía social e aos modelos cooperativos.
Segundo a clasificación da Fundación Funcas, o centro sitúase hoxe entre os mellores viveiros de empresas de tamaño medio de España, consolidándose como un espazo clave para a creación de empresas e a xeración de emprego.
A inauguración deste novo espazo audiovisual enmárcase ademais no 40 aniversario da Fundación Paideia Galicia, unha entidade que desenvolve o seu traballo en ámbitos como a inclusión laboral das persoas con discapacidade, o apoio á xuventude, o emprendemento, o desenvolvemento territorial e a formación, algunhas delas coa colaboración da Deputación da Coruña.