A Deputación da Coruña lanza a quinta edición do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial

mércores, 25 de maio do 2022 S. P.

Valentín González Formoso, presidente da Deputación

A Deputación da Coruña vén de publicar as bases e a convocatoria da quinta edición do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial (PEL-EPR Premio), un galardón incluído entre as accións de incentivos á calidade e á innovación da idea empresarial do Plan de Emprego Local (PEL) co que se pretende “recoñecer e visualizar o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as, asociacións e clústers empresariais da provincia, así como contribuír ao crecemento e desenvolvemento das mesmas”.
As entidades gañadoras de cada categoría recibirán un premio de 20.000 euros, mentres que os segundos clasificados de cada categoría optarán a accésits por importe de 5.000 euros. As categorías convocadas son as seguintes:
1ª Categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial nova. Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial ininterrompida nas anualidades 2021 ou 2022 e se constituísen ou desen de alta no RETA neses anos e sempre con anterioridade á data de publicación da convocatoria no BOP.
2ª Categoría: Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada. Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que comezasen a súa actividade empresarial ininterrompida durante a anualidade 2017 ou con anterioridade e se constituísen ou desen de alta no RETA no mesmo período.
3ª Categoría: Premio á mellor asociación empresarial. Para asociacións, clústers, agrupacións e federacións de empresarios/as da provincia da Coruña.
A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación especificada nas bases, a través da plataforma Subtel, na convocatoria PEL-EPR Premio 2022.
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto desde este xoves 26 de maio de 2022 e ata o 28 de xuño de 2022 ás 14.00 horas.

PUBLICIDADE