A Deputación de Lugo achegará apoio gratuíto ás pemes en transformación dixital e durante 2 anos
mércores, 30 de novembro do 2022
A
Deputación de
Lugo lanza Acelera PEMES, un proxecto co que prestará “apoio
gratuíto” durante dous anos ás empresas da provincia en materia
de transformación dixital. O presidente José Tomé presidiu o
encontro de traballo que marcou o inicio do programa, no que
participaron os alcaldes da Fonsagrada e Vilalba, concellos que
albergarán unha oficina móbil de asesoramento, e con representantes
das deputacións de Córdoba, Cáceres, Valencia e Soria, que tamén
desenvolven esta iniciativa.
“O
obxectivo é axudar ás pequenas e medianas empresas a aproveitar os
recursos da dixitalización para mellorar o seu negocio, de maneira
que gañen en competitividade, produtividade, eficiencia, e para que
abran novas oportunidades de negocio, algo especialmente importante
cando o impacto da pandemia vén seguido das consecuencias da guerra
en Ucraína”, sinalou Tomé Roca, engadindo que o proxecto conta
cun orzamento de medio millón de euros, dos cales o 80% proceden da
Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.es
(dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación
Dixital), e o 20% restante apórtaos a propia institución
provincial.
Na
reunión participaron o deputado de Promoción Económica e Social,
Pablo Rivera Capón, e os alcaldes da Fonsagrada, Carlos López, e
Vilalba, Elba Veleiro -dous dos concellos que acollerán unha oficina
móbil de asesoramento-, ademais da xefa de servizo da área
provincial de Emprego, Julia Vázquez, e representantes das
deputacións de Córdoba, Cáceres, Valencia e Soria, que, como
dixemos, tamén desenvolven esta iniciativa, co-financiada con fondos
europeos.
Rede
de aceleradoras por toda a provincia
Gracias
a esta iniciativa, a Deputación manterá ata o ano 2024 unha rede de
oficinas, que contará con 7 traballadores e traballadoras. Coa
finalidade de que teñan a máxima utilidade de que beneficien ao
maior número de empresas posíbel, e “tendo en conta as
características de alta dispersión da nosa provincia”, haberá
unha oficina con sede física na Deputación; outra virtual; e cinco
móbiles nos concellos da Fonsagrada, Viveiro, Vilalba, Monforte de
Lemos e na comarca de Sarria, explicou o presidente, engadindo que de
xeito complementario haberá 21 aceleradoras adxacentes nas que só
existirá un espazo físico para levar a cabo reunións ou encontros.
A
Deputación quere prestar con este proxecto “un asesoramento
gratuíto, próximo ás empresas e personalizado, é dicir, adaptado
ás características e necesidades de cada negocio”, asegurou Tomé,
quen concretou que poderán participar todas as pequenas e medianas
empresas que estean interesadas, “co único requisito de ter sede
física nalgúns dos concellos da provincia de menos de 20.000
habitantes, é dicir, todos menos o da capital, que dispón doutras
iniciativas e recursos para ofrecer este tipo de servizos”.
Co
proxecto Acelera PEMES, a Deputación reforza “o importante labor
que estamos facendo para apoiar a economía e os sectores produtivos,
unha das liñas de actuación estratéxicas da nosa acción de
Goberno, como así reflicten os Orzamentos para o vindeiro ano 2023
que precisamente aprobamos onte no pleno”.