A Deputación de Lugo acolleu a estrea da webserie Pink

martes, 3 de novembro do 2015 Redacción

A sede da Deputación de Lugo acolleu este sábado a estrea da webserie Pink producida polos estudos Gato Final. No acto, aberto ao público, participou a equipa da rodaxe, o alumnado e o profesorado da Escola de Imaxe e Son de Lugo (EIS) e mailo patrón da Fundación TIC e deputado de Promoción Economía e Social do devandito organismo provincial, Álvaro Santos Ramos. Na estrea, Santos Ramos aproveitou para gabar o importante traballo desenvolvido polos responsables de Gato Final e para salientar o apoio da Fundación TIC aos proxectos que, coma no caso de Pink, abrollan do talento dos estudantes da EIS. Ao fío disto, lembrou que os creadores da webserie contaron coa asistencia técnica e o asesoramento da Fundación TIC.
O deputado recordou tamén que “o principal obxectivo da Fundación é a inserción laboral dos nosos alumnos, e as miniseries para Internet son un formato idóneo para os que comezan profesionalmente no audiovisual”.

Pink
Pink é unha webserie que mestura terror e acción coa comedia, achegando “unha visión ben particular do que sería a apocalipse”, e subministrando un punto de vista crítico, humorístico e retranqueiro sobre os tópicos que adoitan acompañar a este xénero na pantalla grande e máis nas series. A webserie consta de tres capítulos cunha duración total duns 20minutos, que se rodaron o pasado verán en diferentes localizacións en Lugo. Gato Final pretende rematar o resto da tempada con financiamento local ou a través do crowdfounding.