A Deputacion de Lugo remodela o seu Centro de Procesamento de Datos

venres, 17 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Goberno da Deputación de Lugo presentou hoxe un importante avance en materia de modernización tecnolóxica das súas propias estruturas, infraestruturas e procedementos de xestión e comunicación. Estamos a falar da remodelación do Centro de Proceso de Datos da entidade provincial, que foi dada a coñecer polo deputado de Innovación e Participación Cidadá, Pablo Rivera Capón, quen antes de debullar os detalles do labor de posta a punto lembrou aos medios a importancia crucial do Centro para a a Deputación: trátase, dixo do “servidor físico no que se executan a maior parte das aplicacións e sistemas informáticos que se empregan dende a Administración provincial así como dende os Concellos”.
Rivera explicou que o Executivo Provincial aprobou este venres en xunta de Goberno un orzamento de 250.000 euros para realizar obras coas que “actualizar este servidor aos novos tempos”. A previsión, engadiu, é rematalas en catro meses.
Asemade, fixo un repaso pola historia e os fitos do CPD, un recurso tecnolóxico centralizador que comezou a súa andaina en 2010, “servindo de gran axuda para a transformación tecnolóxica que sufriron tanto á Administración provincial coma os Concellos”, aos que “lles ofrecemos durante todo este tempo novos servizos TIC”.
Segundo engadiu, logo destes 8 anos, a evolución da propia tecnoloxía, por unha banda, e o aumento dos traballos dende a Administración Electrónica, pola outra, fixo necesario mellorar o CPD para facelo “máis eficiente, eficaz e tamén máis seguro”.
Entre os cometidos principais do centro, atópanse os seguintes: soportar as páxinas web dos Concellos, os portais de transparencia, os sistemas de eAdministración, a telefonía, o acceso a Internet, ou as aplicacións de contabilidade e de xestión de recursos humanos. “Coas melloras aplicadas agora”, engadiu o deputado, “reforzaranse as bases de datos, poñendo especial atención na actualización da información e no impulso de medidas de seguridade, dos sistemas de control, da prevención de erros e dos sistemas de recuperación”, co obxectivo último de “protexer a información da Deputación de Lugo”. Amais, puntualizou, ampliarase a capacidade de almacenamento e procesado e actualizaranse parte dos equipos e dispositivos físicos por outros máis modernos, eficaces e fiábeis.
O deputado de Innovación e Participación Cidadá avanzou que o CPD soportará tamén a nova web da Deputación, que “está practicamente lista” e que podería darse a coñecer o vindeiro mes. “Será unha páxina mais atractiva visualmente, cun maior grao de usabilidade e accesibilidade, máis interactiva e rápida”, explicou.
Por outra banda, Rivera Capón lembrou que ao abeiro do compromiso pola evolución nas tecnoloxías da información na provincia de Lugo, o Goberno da Deputación puxo á disposición dos Concellos (por terceiro ano consecutivo) axudas para o impulso da Administración Electrónica e protección de datos dos municipios, por valor de 139.000 euros. “Isto”, dixo, “permitirá realizar melloras tecnolóxicas en 23 consistorios lucenses, que foron os que decidiron sumarse a esta liña da Deputación”. Ao abeiro destes apoios á gobernabilidade electrónica, optimizaranse, manteranse ou crearanse proxectos locais de eAdministración e faranse adaptacións sobre protección e almacenamento de datos.
Amais, Rivera Capón explicou que “medidas como a que hoxe aprobamos, aínda que parezan moi técnicas, o que demostran é que esta Deputación continúa a evolucionar, adaptándose aos novos tempos e promovendo un uso cada vez maior da tecnoloxía, tanto no traballo diario dos profesionais que prestan os seus servizos na entidade provincial, como na vida cotiá dos nosos veciños, cumprindo coa lexislación, e promovendo, por exemplo, a administración e rexistro electrónico nos Concellos”.
O deputado rematou recordando que a institución lucense é a única deputación galega que conta coa ISO 20.000-1, que é unha certificación que garante a calidade dos servizos de xestión informática que ofrece a Deputación a nivel interno, así como á cidadanía e ás entidades locais, apuntou.

PUBLICIDADE