A Deputación de Lugo ten xa licitado por 4,5 millóns de euros o equipamento para os 52 concellos adheridos a Impulsa TIC
venres, 23 de febreiro do 2024
A Deputación de Lugo aprobou este venres 23 de febreiro a licitación por un importe de preto de 800.000 euros dos últimos lotes do subministro de equipamentos e servizos tecnolóxicos que, unha vez adquiridos, a institución provincial proporcionará de maneira gratuíta aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC.
Con esta última licitación, explicou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, “a Deputación xa ten en fase de contratación a totalidade do investimento de 4,5 millóns de euros co que está dotado o Impulsa TIC”. Un proxecto, apuntou, que a institución provincial puxo en marcha con fondos captados da Unión Europea “co obxectivo de colaborar cos concellos da provincia para avanzar na súa transformación dixital e, polo tanto, ofrecer un mellor servizo público aos veciños e veciñas”.
Entre as ferramentas tecnolóxicas que a Xunta de Goberno aprobou licitar destaca “a implantación dun chatbot con Intelixencia Artificial, integrado nas web de concellos de menos de 5.000 habitantes, unha experiencia piloto que é pioneira en España”. Trátase dun asistente virtual, que ofrecerá atención ao cidadán as 24 horas dos 365 días do ano para resolver consultas dun xeito rápido e eficaz, e reducir a carga de traballo para os traballadores públicos. Ademais, nos lotes aprobados esta mañá tamén se inclúen equipamentos dixitais para dar una maior transparencia financeira.
Ademais saíu adiante a adxudicación do primeiro lote de materiais, á empresa Alpha Syltec Ingeniería, por unha contía que ascende a case 18.000 euros, e que servirán, en concreto, para mellorar a eficiencia dos servizos básicos da Administración Electrónica, a creación de oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos cidadáns, a integración dos sistemas de tramitación municipais cos sistemas de padrón e contábel ou a implantación dun sistema de automatización e dixitalización dos plenos municipais.
Pablo Rivera avanzou que nas vindeiras semanas a Deputación irá adxudicando o subministro do resto de equipos e servizos,que teñen que estar implantados o 30 de abril, data na que deberán estar finalizados todos os proxectos subvencionados do programa Impulsa TIC.
Lembrou tamén que todo o material atende ás necesidades que os propios concellos lle trasladaron á institución provincial, e que se distribúe seguindo criterios obxectivos entre os 52 concellos que decidiron sumarse ó proxecto, de xeito semellante ao Plan Deputación.