A Deputación de Ourense achega aos concellos un sistema Blockchain para xuntanzas a distancia con validez legal

mércores, 2 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Ourense presentou a semana pasada un servizo avanzado para o desenvolvemento de xuntanzas a distancia e con validez legal. Trátase, en palabras da entidade provincial, dunha solución tecnolóxica pioneira, gratuíta para todos os concellos (agás o da capital) e que “contribuirá a mellorar a transparencia na xestión”. O sistema foi dado a coñecer polo presidente Manuel Baltar e responsábel da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, Fernando Suárez. Segundo fixeron saber, baséase na tecnoloxía de cadea de bloques (Blockchain), que consiste no fornecemento de libros de contabilidade electrónicos para seren compartidos abertamente por moreas de usuarios e que gravan todas as transaccións que se apuntan neles e sen que haxa xeito de modificalas. En base a isto, o Blockchain salienta pola seguridade e pola dispoñibilidade da información.
O sistema foi presentado este 28 de setembro, coincidindo co Día Internacional do Dereito de Acceso Universal á Información. Na cita, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou o concepto de transparencia como “unha das liñas destacadas” da súa estratexia política e de xestión pública, unha estratexia que está a coller impulso grazas á estreita colaboración cos concellos da provincia. Nesta liña tecnolóxica e de cooperación municipal insírese precisamente o servizo de gravación de plenos Councilbox, en palabras de Suárez e Baltar “unha plataforma na nube para a celebración presencial e en remoto de reunións con validez legal”.
Segundo engadiron, a característica diferencial deste sistema é que inclúe a tecnoloxía Blockchain, que “permite a xestión de reunións e comisións con videoconferencia certificada”, tecnoloxía que xa foi empregada pola Deputación de Ourense na súa aplicación no pazo provincial e que demostrou importantes vantaxes de automatización, seguridade xurídica e axilidade no traballo (facilita a realización de reunións a distancia reducindo custes e desprazamentos).
Entre as súas funcionalidades destaca a xestión de convocatoria de xuntas, plenos e reunións; a automatización do voto delegado; o control de asistencia; a administración das xuntas; documentación de sinaturas, actas e libros de actas; certificación e custodia de evidencias; creación de actas automáticas; xeración de certificados de tomas de acordos; e gravación dos plenos.

PUBLICIDADE