A Deputación de Pontevedra convértese na sétima en España en certificarse no Esquema Nacional de Seguridade
martes, 7 de abril do 2026
A Deputación de Pontevedra acaba de de acadar a certificación no Esquema Nacional de Seguridade (ENS) en categoría Media, un recoñecemento que acredita que os seus sistemas de información e aplicacións compren cos requisitos e medidas de seguridade esixidos para garantir unha protección axeitada da información e dos servizos dixitais.
Esta certificación, outorgada por Cámara Certifica, entidade acreditada pola Entidade nacional de Acreditación (ENAC), converte á Deputación de Pontevedra na segunda de Galicia en conseguila, trala da Coruña, e na sétima do conxunto español, xunto ás deputacións de Albacete, Cádiz, Castellón, Huesca e Segovia.
Dende a institución pontevedresa explican que o ENS constitúe o marco normativo de referencia para as administracións públicas no ámbito da seguridade da información, “establecendo os principios básicos e requisitos mínimos que permiten garantir aspectos clave como a confidencialidade, a integridade, a dispoñibilidade, a autenticidade, a rastrexabilidade e a conservación dos datos e dos servizos electrónicos”.
A obtención desta certificación supón, ademais, unha validación externa do grao de cumprimento destes estándares e da implantación efectiva de medidas de protección.
A certificación acadada pola Deputación de Pontevedra abrangue tres servizos dixitais fundamentais na súa relación coa cidadanía e cos concellos da provincia: a plataforma de administración electrónica para concellos, a oficina virtual tributaria e o rexistro electrónico. Trátase de ferramentas esenciais no funcionamento diario da administración e no acceso da cidadanía aos servizos públicos.
“Este logro”, informaron fontes da Deputación, “é o resultado dun traballo sostido ao longo de 2025 e para a obtención da certificación foi necesario superar un proceso de auditoría realizado por unha entidade independente acreditada, que avaliou o grao de cumprimento do Real Decreto 311/2022, do 3 de maio”. No caso da categoría Media, este proceso inclúe varias xornadas de revisión nas que se analizan en detalle os sistemas de información e as medidas implantadas, garantindo así a obxectividade, independencia e rigor da avaliación.
A Deputación engade que “a certificación ENS ten un impacto directo na cidadanía, ao garantir que os servizos dixitais da Deputación protexen adecuadamente os datos persoais, funcionan de forma fiable e continua, reducen o risco de incidencias e ofrecen un contorno seguro para a realización de trámites electrónicos”.
