A EBF cítanos esta finde en Pontevedra coas vantaxes da metodoloxía Scrum

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Esta fin de semana, o venres e o sábado, celébrase nas dependencias de Planeta 29 en Pontevedra e da man do European Business Factory (EBF) unha actividade formativa de interese para os nosos profesionais das novas tecnoloxías que queiran afondar nas vantaxes das metodoloxías áxiles. Estamos a falar dun curso de certificación Scrum Manager impartido por Aitor Castro, moi axeitado para profesionais en xeral con experiencia en empresas (que desexen ampliar coñecementos nas metodoloxías Scrum) e para profesionais TIC con ou sen experiencia (e que queiran pular a súa carreira profesional ou ter unha formación máis completa).
O obxectivo é facer comprender o marco técnico de Scrum, a orixe do modelo, os principios e as prácticas que se empregan para a xestión áxil e evolutiva dos proxectos empresariais.
Para quen non o saiba, Scrum é un proceso-metodoloxía que implica a aplicación regular de boas prácticas para traballar de maneira colaborativa, en equipo, e obter o mellor resultado posíbel dun proxecto. Estas pautas teñen un apoio mutuo e parten, todas elas, de estudos pormenorizados sobre a maneira de traballar de equipos altamente produtivos.
Segundo informa a EBF, no obradoiro aprenderase toda a información precisa para comezarmos a traballar con Scrum: os roles, os eventos e os artefactos que forman o marco de técnicas estándar da metodoloxía e as pautas para a súa aplicación práctica e o seu funcionamento.
Ao remate do curso e logo de que os participantes superen os exercicios de capacitación, estes obterán a Certificación Oficial Scrum Manager con nivel experto, equivalente a 150 puntos de autoridade académica.

PUBLICIDADE