A EE de Telecomunicación avanza na capacitación dos vindeiros profesionais do 5G

xoves, 21 de marzo do 2019 Redacción

Para quen non o saiba, a nosa terra vai poder gabarse de estar na vangarda formativa en materia de 5G, o estándar de telefonía móbil que está chamado a revolucionar as tecnoloxías máis punteiras e convertelas en realidades palpábeis e cotiáns (a Internet das Cousas, a aprendizaxe máquina, a Intelixencia Artificial, a análise de Big Data, etc). Isto será posíbel grazas á Universidade de Vigo e a axencia AMTEGA, que conseguiron converter á institución académica viguesa na segunda universidade estatal que imparta un título propio de especialista en 5G. A isto cómpre engadir a adhesión da UVigo ao Nodo de Cooperación 5G, constituído hai uns meses ao abeiro do Plan Galicia 5G, elaborado pola dita axencia autonómica.
Na punta de lanza destes traballos atópase a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, tanto en materia de investigación como de docencia. Dende o punto de vista da formación, o centro leva meses acollendo xornadas e seminarios que permitan ao alumnado “actualizar os seus coñecementos sobre esta tecnoloxía, chamada a revolucionar a conexión sen fíos”, informou a Universidade, engadindo que a máis recente destas xornadas celebrouse este xoves da man da empresa Rohde & Schwarz, que ofreceu un seminario titulado Solucións líderes e innovadoras de T&M en sinais de banda larga. Ao longo de toda a mañá, as e os asistentes puideron achegarse a temas como a xeración e análise de sinais de banda larga en aplicacións radar, comunicacións 5G ou automoción, a análise coherente en fase de sinais multicanle ou a monitoraxe e localización de sinais en bandas 5G.
O representante da empresa comezou a xornada poñendo o foco nas capacidades cada vez maior da banda dispoñíbel para aplicacións de radar, motor ou comunicacións. Amais, destacou que os avances nos sistemas de comunicacións móbiles e sistemas de seguimento militar/civil xeran a necesidade dun incremento do número de portos para medida dos diferentes elementos dunha antena.

PUBLICIDADE