A EE de Telecomunicación rende homenaxe a José María Pousada tras tres décadas de intenso traballo

xoves, 25 de novembro do 2021 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación homenaxeou onte ao profesor José María Pousada tras 30 anos dedicado á docencia, á investigación e á xestión na Universidade de Vigo. Este mércores os seus compañeiros quixeron darlle unha agarimosa despedida nun acto interno do centro no que lle agradeceron o seu traballo e esforzo para poñer á EET entre as mellores escolas de telecomunicación de España.
Ante as e os seus colegas, fixo un repaso pola súa traxectoria profesional que o levou a ser director da ETT durante dúas lexislaturas e director do Centro Universitario da Defensa de Marín, dende a súa posta en marcha ata o pasado ano. O balance de todos estes anos “ten que ser claramente positivo, porque a Universidade doume a oportunidade de medrar profesionalmente”, pero confesa que marcha “coa mágoa de que non exista unha figura legal que lle permita seguir colaborando co seu centro”, algo que xa existe noutras universidades para o persoal que se xubila.
Neste acto, a actual directora da ETT, Rebeca Díaz, realizou un percorrido pola carreira profesional de Pousada remarcando algúns fitos importantes, por exemplo, no eido da investigación. Destacou que estivo implicado en múltiples iniciativas que “revertían á sociedade os traballos de tecnoloxía que se aplicaban na escola”, como un dispositivo que inhibía as frecuencias dos móbiles cando se comeza a xeneralizar o seu uso ou unha pulseira de protección para as mulleres vítimas da violencia de xénero. Da súa época como director, destacou a posta en marcha do Curso 0 ou a construción da segunda fase do centro.
O director do Departamento de Enxeñaría Telemática, Luis Anido, tamén quixo agradecer “o entusiasmo e paixón” de Pousada, que foi o seu profesor de Informática na propia EET. Remarcou que representa o “significado da palabra enxeñeiro como maiúsculas” e lembrou que “dende o principio tivo moi clara a vinculación que a Universidade ten que ter coa sociedade.

PUBLICIDADE