A Escola de Telecomunicación introducirá en ciberseguridade aos nosos estudantes e profesionais

xoves, 18 de maio do 2017 Redacción

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo vai organizar entre xuño e xullo unha actividade formativa moi indicada para os tempos que corren, aínda coas consecuencias recentes do virus WannaCry e as múltiples incidencias mundiais provocadas polo seu espallamento (a día 15 de maio, 230.000 equipos infectados dun total 180 países). Falamos do curso Introdución á ciberseguridade, que se vai desenvolver no dito centro vigués entre o 1 de xuño e o 20 de xullo e que, segundo informa a Escola, xa ten arestora aberto o seu prazo de preinscrición e matrícula (a disposición do alumnado universitario e dos nosos profesionais). O curso, que será presencial e en horario de tarde (xoves e venres), abrangue 44 horas de formación.
Segundo informa a organización acerca dos obxectivos do obradoiro, “a ciberseguridade é, ao abeiro das TIC, un dos eidos que máis está a medrar e que máis se prevé que creza e demande profesionais nos vindeiros anos”. Polo tanto, a finalidade do curso é dotar “ao alumnado dunha visión de conxunto dos diferentes aspectos que conforman a protección dixital e das diversas saídas profesionais que permite”.
Contarase coa presenza de Alberto Diaz (xefe de Produto en R Cable, que falará de como coñecer e entender os principais conceptos e termos empregados na ciberseguridade), Iago Fortes (propietario de Inprosec, que introducirá ao alumnado no goberno da seguridade da información), José Ramón García de Searez (xefe de equipo do Servizo de Seguridade en DimensionData, que afondará na arquitectura da protección dixital e máis en tecnoloxías concretas para a seguridade), Eduardo Díaz Comellas (propietario de Ultreia, que formará aos participantes en metodoloxías para salvagardar redes e sistemas), Andrés Tarasco (director de Tarlogic, que amosará como auditar a seguridade), Javier Berciano (do Instituto Nacional de Seguridade, que exporá como xestionar un incidente), Carlos Manchado (xerente de Risk Advisory IT & Ciber Risk Services e Deloitte, que se centrará no desenvolvemento seguro de software), Susana Rey (responsábel de Seguridade en R Cable, que fará un percorrido polos aspectos legais ligados á ciberseguridade en España), Alberto Zapico (Axencia Estatal de Administración Tributaria, que avaliará a xestión da protección dixital nesta entidade) e Alberto del Hoyo (responsábel de seguridade e desenvolvemento de negocio en Accenture).

PUBLICIDADE