A FCC prohibe os novos routers fabricados fóra dos EE.UU.

luns, 23 de marzo do 2026 Redacción

A Comisión Federal de Comunicacións dos Estados Unidos (FCC) decidiu ampliar a súa chamada listaxe de equipos restrinxidos para incluír todos os routers de consumo fabricados no estranxeiro, o que implica a prohibición de autorizar novos modelos destes dispositivos para a súa comercialización no país. A medida baséase nunha avaliación das autoridades de seguridade nacional que conclúe que este tipo de equipos supón riscos inaceptables para a seguridade e as infraestruturas críticas estadounidenses.
Segundo o documento oficial, os routers domésticos (elementos clave para a conexión de fogares e dispositivos á Internet) poden introducir vulnerabilidades na cadea de subministración e converterse en vectores de ataque. As autoridades sinalan que estes equipos poderían ser explotados para interromper redes, facilitar actividades de espionaxe ou mesmo comprometer infraestruturas críticas do país.
A decisión da FCC responde a unha determinación previa dun órgano interinstitucional do Executivo estadounidense, que advertiu de que os dispositivos fabricados no exterior presentan un risco severo en termos de ciberseguridade (lembremos que hai un par de anos querían prohibir os routers de TP-Link). Entre as ameazas identificadas inclúense a posibilidade de ataques inmediatos a infraestruturas críticas ou o acceso indebido a datos sensibles de cidadáns e organizacións.
A inclusión destes routers na listaxe de equipos restrinxidos implica que os novos modelos non poderán obter a autorización técnica necesaria para seren importados, comercializados ou vendidos no mercado estadounidense. Porén, a medida non terá carácter retroactivo: os dispositivos xa aprobados ou adquiridos polos consumidores poderán seguir empregándose con normalidade, e tampouco se prohibe a venda de modelos que xa contaban coa certificación correspondente.
O marco regulador contempla, ademais, unha vía de excepción: os fabricantes poderán solicitar unha aprobación condicional ante o Departamento de Seguridade Nacional ou o Departamento de Defensa, sempre que demostren que os seus dispositivos non presentan riscos significativos. Só aqueles equipos que obteñan esta validación poderán continuar accedendo ás autorizacións da FCC, algo que debería ser relativamente doado, xa que na práctica non se fabrican routers domésticos de consumo masivo nos EE.UU.
Nos últimos meses, a FCC xa ampliara esta mesma listaxe para incluír outros equipos tecnolóxicos considerados sensibles, como os drons de fabricación chinesa.