A FEGAMP pídelle á Xunta máis compromiso no despregue da TDT
venres, 3 de novembro do 2006
A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vén de solicitar á Xunta máis compromiso no que se refire á instalación e mantemento da Televisión Dixital Terrestre. Máis polo miúdo, o que lle pide a FEGAMP ó Goberno autonómico é que asuma todo o proceso derivado da posta en marcha da infraestrutura e posterior seguimento dos centros reemisores e dos trebellos, “no canto de achegar subvencións ós concellos, claramente insuficientes”.
A xuízo da Federación, unha boa parte dos concellos galegos non pode cargar cos gastos que trae consigo a instalación de estacións de rede de frecuencia única, dirixidas a fornecer cobertura en áreas de sombra. En realidade, engade a FEGAMP, os municipios deben xogar o papel de colaboradores da Xunta, estando tipificado no Real Decreto 944/2005 que os concellos non están obrigados á instalación destes aparellos. Polo tanto, a Federación esíxelle á Secretaría Xeral da Xunta que faga un meirande esforzo no despregue da TDT, “xa que a porcentaxe anunciada de cobertura do 98% para 2016 está moi lonxe do fixado no Real Decreto 944/2005, que determina unha taxa do 98% antes do 3 de abril de 2010 para as canles públicas e do 95% antes da mesma data para as canles privadas”.
