A Fundación TIC inicia a segunda fase de Lugo en Acción

mércores, 9 de maio do 2007 Marcus Fernández

A Fundación para o Desenvolvemento das Tecnologías da Información e da Comunicación (TIC) inicia a segunda fase do proxecto “Lugo en Acción”, dentro do programa de formación en linguaxes audiovisuais que dirixe a alumnos de ESO da provincia de Lugo.
As tecnoloxías da información e da comunicación xeneran espazos de produción de contidos que difícilmente se asumen no ámbito da formación regrada. A presenza de novas pantallas, móbiles, videoconsolas, Ipod ..., fai necesario que desde as escolas se afronte o reto de educar no seu emprego, non só para facer un uso crítico, racional ou para adquirir coñecemento, senón tamén como ferramenta que pode enriquecer o proceso de formación.
“Lugo en Acción”, a través de sesións teóricas e prácticas, pretende achegar ós estudantes de ESO, que xa iniciaron a formación o pasado curso, ás ferramentas e instrumentos que ofrecen as novas tecnoloxías.
Ó proxecto diríxese tamén, este ano, ós membros de colectivos con discapacidades, como a Fundación ANADE, onde se pretende valorar a aportación formativa, terapéutica e integradora que permite o manexo das técnicas de comunicación e expresión audiovisual.
A edición deste ano comezou no Colexio Galén, en Lugo, onde hoxe mércores, día 9, entre as 15.30 e as 20.00 horas, os alumnos levarán a cabo a gravación da curtametraxe “Pillados”.
Nas próximas semanas, o programa formativo desenvolverase no CPI Tino Grandío de Guntín e no CPI López Suárez de Friol.