A Fundación TIC presenta os documentais sobre as Reservas da Biosfera de Lugo

mércores, 14 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Na liña de dar a coñecer as nosas paraxes naturais de meirande valor para así traballar na súa conservación, a Fundación TIC presentou este martes os documentais oficiais das tres Reservas da Biosfera da provincia de Lugo: Terras do Miño, Ancares e Río Eo-Os Oscos-Terras de Burón. As pezas audiovisuais, que contaron para a súa elaboración co apoio da Deputación de Lugo, serán emitidas na canle Caza e Pesca de Dixital + en 39 ocasións ao longo dun período de tres anos. Por certo que teñen prevista a súa estrea o vindeiro 26 de xullo ás 19 horas, co programa dedicado ás Terras do Miño.
Na realización destes DVDs, que foron presentados polo presidente da Fundación TIC e do dito organismo provincial (José Ramón Gómez Besteiro), participaron tamén os bolseiros da Escola de Imaxe e Son e persoal do Centro de Produción de Programas da Fundación TIC.
A xuízo dos responsables destas pezas, trátase dunha iniciativa “eco-lóxica”, xa que “loxicamente o futuro de Lugo pasa polo medio ambiente”. Os documentais, de 30 minutos de duración cada un, amosan os valores naturais que levaron á UNESCO a recoñecer como Reservas da Biosfera o 55% do noso territorio, así como as actividades tradicionais que contribuíron á súa conservación. Para a súa realización empregáronse algunhas das máis modernas tecnoloxías de filmación, incluídas cámaras dixitais somerxibles.