A Gaceta Universitaria dá un chimpo á Rede

mércores, 29 de abril do 2009 Raquel Noya

Co obxectivo de entreter e manter informado ao estudantado (que as máis das veces distráese polas cafetarías das facultades e logo non hai maneira de poñelo ao día no eido dos estudos) vén de sair á luz unha nova páxina web, a Gaceta Universitaria en liña, un xornal dixital de Unidad Editorial que coincide co XVIII aniversario do semanario en papel do mesmo nome.
A nova web vai especialmente dirixida ao millón e medio de mozos e mozas que estudan nos campus españoles así como a todos aqueles que o fan no extranxeiro.
O director da publicación en liña, Iván Martínez-Cubells asegura que “non se trata dunha páxina con información puramente académica posto que tamén está pensada e deseñada para entreter, informar e coñecer xente”.
No sitio mestúranse historias do entorno universitario, con información de interese, novas de actualidade e ofertas de ocio que lle poden ser de utilidade para tódolos internautas en xeral e para as persoas universitarias en particular. Neste senso, os contidos van dirixidos “nun 70 por cento á poboación moza en nun 30 por cento á estudantil”.
A música e o cine ocupan un lugar destacado na web, ben sexa polas preestreas que organiza a cabeceira, como polos grupos novos que despuntan e contan de primeira man a súa experiencia sobre os escenarios e as súas vivenzas nos distintos concertos.
Asemade, os seareiros (coma nos) das novas tecnoloxías e Internet, tamén teñen o seu espazo propio no sitio, concretamente na sección Tecno, que inclúe unha relación dos dispositivos e ferramentas que están a crear tendencias, como por exemplo as torradoras-cafeteiras, as hortas electricas ou os reprodutores-chaveiro.
Noutras sección como a de Kedadas, Sexo, Becas ou Actividade, os visitantes poden interactuar e informarse do que sucede no seu entorno universitario (no caso da sección Sexo non se refire a orxías nas que poder participar senón a unha relación de artigos curiosos sobre a sexualidade) e incluso opinar e participar nas enquisas que se plantexan sobre distintos temas de actualidade.

PUBLICIDADE