A Galipedia supera os 20.000 artigos

xoves, 7 de decembro do 2006 Marcus Fernández

A enciclopedia libre máis coñecida do mundo, a Wikipedia, conta dende o 8 de marzo de 2003 dunha versión en galego alcumada como Galipedia, que nestas datas superou os 20.000 artigos grazas ó esforzo dos 1.600 usuarios rexistrados coma editores.
La Voz de Galicia destaca a figura de Miguel Bugallo, mestre moi implicado na Wikipedia galega, como un dos máximos impulsores desta iniciativa que serve tanto para o achegamento de contidos a xeito dunha enciclopedia tradicional como para potenciar a información en galego e de Galicia.
Bugallo declara que os avances acadados ata o momento deben ser “un punto de reflexión para afrontar o que aínda queda por percorrer” e destaca a comunidade que se creou ó redor da Galipedia, que está “moi compenetrada, con bo ambiente”.
Os implicados nesta iniciativa inciden constantemente en que non hai que ser un experto en informática ou tecnoloxía para realizar achegas a esta colección de contidos, que se basea na colaboración dos seus editores, e que permite tender unha ponte entre a Galicia tradicional e as novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE