A Industria 4.0 e as súas posibilidades, polo miúdo en Lugo

xoves, 27 de xullo do 2017 Redacción

O plan colaborativo de apoio ao emprendemento do Concello de Lugo, Inicia Coworking, contou onte coa presenza dun dos máis senlleiros especialistas en materia de Industria 4.0, ou, o que é o mesmo: en materia de metodoloxías actuais avanzadas para acadarmos xeitos de producir sustentábeis, rendíbeis, limpos, eficientes e eficaces. Ou sexa, xeitos smart de producir. Estamos a falar de Ramón Suárez Alonso, que ofreceu este mércores un obradoiro aos emprendedores e emprendedoras lucenses que participan na segunda fase de Inicia Coworking, que impulsa o Concello en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).
Suárez é profesor da Escola de Organización Industrial da Universidade de Vigo, presidente da Asociación de Mentoring de Galicia, mentor do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), asesor da Comunidade Europea e experto da ONU en materia da Sociedade da Información.
Con este obradoiro, ao que asistiu a concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, continúa a actividade da segunda fase do programa Inicia Coworking, que conta con mentores e relatores referenciais no ámbito das novas tecnoloxías aplicadas aos negocios.
Lembrar que neste nova etapa do proxecto toman parte 20 emprendedores, que recibirán gratuitamente (e durante cinco meses) apoio integral, individual e personalizado para poñer en marcha con éxito cadansúas empresas.
O Concello desenvolve o plan Inicia Coworking en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria. Cun orzamento de 800.000 euros, fornecerase entre este ano e 2018, a máis de 260 lucenses, de apoio integral, individual e personalizado para impulsar as súas iniciativas innovadoras de mercado, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

PUBLICIDADE