A Internet e a TDT frean á televisión de pago en España

luns, 16 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Durante o último ano o consumo de televisión de pago baixou un 6%, mentres que medra a penetración da Internet e da Televisión Dixital Terrestre, o que marcaría un cambio nos hábitos de consumo nos fogares españois.
Actualmente a oferta de televisión en aberto é moi superior á de hai pouco máis dun ano, xa que apareceron 2 canles analóxicas novas (Cuatro e La Sexta) e o número de canles de TDT achega normalmente unha ducia de canles novas ós fogares, de xeito que moitos consumidores xa teñen unha oferta audiovisual moi superior á súa demanda, de aí que non atopen a necesidade de pagar pola oferta actual de Digital+ ou os operadores de cable.
Pero non só a televisión afecta ó panorama, senón que incluso a Internet tamén subministra moitos contidos audiovisuais, sendo un dos principais expoñentes o servizo de vídeo de YouTube, que permite ós seus usuarios a visualizacións de milleiros de vídeos que compiten así coa televisión tradicional dende a pantalla do ordenador.
A estes sistemas lícitos habería que engadir as redes P2P, que permiten ós usuarios a descarga de películas e series de televisión de xeito que poden deseñar a súa propia televisión á carta antes de que as operadoras lancen ofertas semellantes, posto que é doado acceder á meirande parte dos contidos de ficción que se poden ver tanto na televisión española (en aberto e de pago) como na televisión norteamericana (contando en moitos casos con subtítulos en español) de xeito que algúns produtos teñen na Internet unha vía de difusión moi importante.
Algúns programas de televisión coma o The Daily Show, de Jon Stewart, xa contan co factor da Internet, de xeito que teñen máis audiencia entre os internautas que entre os clientes de televisión por cable, e iso lles da un éxito sen precedentes. Pode considerarse así que a Rede xa forma unha nova pantalla a ter en conta, que grazas á proliferación de reprodutores de DVD con soporte de ficheiros DivX xa non son exclusivos dos monitores informáticos, senón que chegan ó televisor de xeito doado.
Reparto de clientes
A televisión de pago tamén amosa a competencia actual no mercado, liderado por Digital+ con 1,428 millóns de fogares conectados e sumando Ono, Euskaltel, R e Telecable 1,57 millóns de fogares (de xeito que nunha hipotética fusión de cableoperadores superarían en clientes ós seu propio provedor de contidos) e quedando a televisión por ADSL cuns anecdóticos 300.000 fogares.
Os datos de fogares non son o único factor a ponderar, xa que nestas datas Digital+ está a celebrar que chegaron ós 2 millóns de clientes, o que non parecería axustarse ós datos antes mencionados, pero resulta que a hostalaría non corresponde a fogares, sumando un medio millón de clientes por parte de bares e restaurantes que son os principais clientes do pago por visión (especialmente no caso dos encontros deportivos).

PUBLICIDADE