A Internet permítenos seguir a Papá Noel en tempo real

mércores, 24 de decembro do 2025 Redacción

A tradición de seguir en tempo real a viaxe de Papá Noel xurdiu hai 67 anos a partir dun erro tipográfico que desviou chamadas infantís cara a unha liña militar reservada.
Na década de 1950, en pleno clima de tensión da Guerra Fría, o coronel Harry Shoup —entón comandante de garda no Continental Air Defense Command (CONAD)— recibiu unha chamada inesperada dun neno que preguntaba se realmente era Santa Claus. A causa era un anuncio de Sears que, por un só díxito mal impreso, publicara o número secreto do oficial como se fose unha liña directa co lendario repartidor de agasallos.
A anécdota, que co tempo adoptou matices case míticos, acabou converténdose nun exercicio de comunicación pública. O equipo de CONAD decidiu informar daquela «traxectoria dunha zorra non identificada, impulsada por oito renos», iniciando unha tradición que inicialmente estaba pensada para unha única edición. Porén, a demanda mediática fixo que o seguimento anual se consolidase a partir de 1956, e en 1958 a responsabilidade pasou ao recentemente creado NORAD.
Hoxe, o Santa Tracker continúa activo e combina sistemas de radar e satélites en órbita xeosincrónica para recrear o percorrido de Papá Noel cada 24 de decembro. A lenda engade que o brillo infravermello do nariz de Rudolph facilita a súa localización, un detalle que contribúe ao ton lúdico dunha iniciativa que, malia nacer nun contexto de tensión global, acabou converténdose nun símbolo de imaxinación e espírito festivo.
A esta iniciativa se sumaron co tempo outras plataformas en liña, como Flightradar24, que identifica a Papá Noel no ceo como se fose un avión máis dos que percorren o espazo aéreo.
Aínda que a compañía que máis aposta por esta celebración é, sen dúbida, Google, que ten un espazo na web no que non se limita a ofrecer un localizador da zorra de Santa, senón que tamén ofrecer unha morea de contidos para que os cativos poidan divertirse mentres agardar pola noite máxica. O Google Santa Tracker recolle xogos con elfos, quebracabezas, minixogos, vídeos e numerosa información sobre tradicións de Nadal do mundo, polo que é unha visita virtual obrigada para os cativos que se portaron ben durante o ano e confían en recibir agasallos no Nadal.

O Google Santa Tracker achega unha chea de contidos para amenizar a espera desta noite