A Mesa celebra a aprobación no Parlamento da súa iniciativa Xabarín

mércores, 12 de maio do 2021 S. P.

A Mesa vén de emitir un comunicado no que expresa a súa satisfacción pola aprobación no Parlamento da súa Iniciativa Popular Xabarín, respaldada por máis de 33.000 persoas. Segundo fixo saber a entidade, nun intre tan significativo como estes días previos á festa das Letras Galegas, o Parlamento “deu un paso fundamental para garantirmos o acceso a contidos audiovisuais en galego para todos os públicos e, nomeadamente, para o infantil e xuvenil”.
A Mesa salienta que “o enorme apoio popular recibido pola iniciativa demostrou que existe unha grande demanda dunha canle temática para a mocidade e a infancia na TVG, así como de contidos en galego nas plataformas dixitais, onde só se poden ver en galego 25 series e filmes dos máis de 25.000 títulos dispoñíbeis, e na propia televisión pública estatal, que só emite na nosa lingua 39 minutos de 120 horas”.
O acordo aprobado este 12 por unanimidade por unanimidade dos partidos políticos presentes na cámara galega contempla a creación dunha canle Xabarín da TVG que emitirá para fibra óptica, ADSL, satélite e telefonía móbil, mais tamén se reclama do goberno español accións para garantir tanto en TVE como nas plataformas, a dobraxe, lexendaxe e audiodescricións en galego así como financiamento para as producións na nosa lingua dentro da Lei Xeral do Audiovisual que será debatida nos próximos meses. “Isto”, explica A Mesa, “converte o Parlamento galego no primeiro que se manifesta sobre esta cuestión”.
Entrementres, a iniciativa insta a chegar a acordos con operadoras e plataformas para a dobraxe e lexendaxe das súas emisións así como a posibilidade de reciprocidade na visualización con Portugal.
A Mesa valora a aprobación como “un éxito colectivo da sociedade galega”. E engade: “Centos de persoas voluntarias da Mesa pola Normalización Lingüística, centos de estabelecementos nas difíceis condicións impostas pola pandemia e, especialmente, as miles de asinantes, lograron o primeiro grande acordo arredor da lingua galega dos últimos 12 anos”.
Podemos descargar o debate parlamentar nunha ligazón específica habilitada.

PUBLICIDADE