A Mesa denuncia que a Wikipedia non permite editar topónimos galegos na súa forma legal e xenuína

venres, 15 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar un novo caso de deturpación dos nosos nomes de lugar, co agravante de vir da man dunha enciclopedia cuxa comunidade de impulsores gábase do rigor e dos obxectivos de calidade cos que elaboran as súas entradas: a Wikipedia. Segundo informa a Mesa máis en detalle, a enciclopedia en liña non permite os topónimos galegos na súa forma legal e oficial amparándose na súa política de empresa.
De feito, a entidade de defensa do galego sinala que existe un protocolo interno da enciclopedia que fai que a edición correcta dos topónimos deturpados (casos como Arteijo, Tuy, Órdenes, Rianjo, Puentecaldelas ou Isla de Arosa entre outros moitos) sexa imposíbel de aplicar. Así, cando se procede a editar os nomes incorrectos, os responsábeis de Wikipedia volven cambialos. Ademais, envían esta mensaxe: “He revertido tu edición en Anexo:Municipios de Galicia por población por contravenir la política oficial TOES”.
A Mesa, a respecto de todo o devandito, recorda á comunidade internauta, e moi especialmente á que soporta a enciclopedia en liña, que os nomes galegos de lugar están amparados pola lei. Máis polo miúdo a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, que recolle no artigo 10 que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”, así como que “estas denominacións son as legais a todos os efectos”. As formas correctas tamén están protexidas pola Xunta, que publicou o Decreto 189/2003, do 6 de febreiro; o Decreto 6/2000, do 7 de xaneiro; o Decreto 332/1996, do 26 de xullo; e o Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente, e onde aparecen as formas toponímicas xenuínas e oficiais.
Porén, A Mesa fai saber que a convención específica para topónimos de España de Wikipedia en español recolle que “os topónimos do Estado español deben utilizarse en castelán”, e que aludir ás leis que regulan o uso de topónimos tampouco é un argumento válido xa que “regulan só o ámbito da correspondente documentación e sinalización oficial non o resto dos usos”.
O presidente da plataforma galega, Marcos Maceira, apuntou que “non empregar a forma oficial dos topónimos é unha discriminación e un ataque directo cara á lingua galega” e quixo deixar constancia de que o de Wikipedia non é un caso illado. Segundo Maceira, “as grandes empresas como Wikipedia e Google ao empregaren os topónimos galegos deturpados están vulnerando os dereitos lingüísticos”. Respecto do buscador, é (de feito) a empresa máis queixas recibe a través da Liña do Galego (a canle de denuncia da Mesa) por deturpación de topónimos, chegando a abranguer no ano 2017 o 6% do total das queixas recibidas neste servizo ao longo de todo o ano.

PUBLICIDADE