A Nintendo 3DS chegará as tendas con agresivas ofertas

martes, 22 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Este venres chega ás tendas españolas a agardada consola portátil Nintendo 3DS, e aínda que o seu prezo de venda oficial é de 249 euros, moitos establecementos están a lanzar promocións para animar aos clientes a facerse co novo dispositivo, como a cadea de tendas Media Markt (con presenza en A Coruña, Lugo e Vigo), que ten o agresivo prezo de 229 euros, ou incluso as tendas GAME (con 15 tendas repartidas por Galicia, principalmente en centros comerciais), que decidiron chamar a atención cun plan renove, de xeito que as persoas interesadas en mercar unha Nintendo 3DS poderán entregar a súa vella consola portátil na operación podendo acadar un desconto de ata 120 euros. Tamén poderán entregar xogos para mellorar a oferta, de xeito que títulos como El Profesor Layton y la Villa Misteriosa, Pokémon Oro HeartGold ou Mario & Sonic en los Juegos Olímpicos poderían valerlle un desconto de 25 euros cada un.
Sobre os descontos por consola entregada nas tendas GAME, serían concretamente de 65 euros por unha Nintendo DS Lite, 90 euros por unha DSi, 120 euros por unha DSi XL, 65 euros por unha PSP clásica, 80 euros por unha PSP 2000 e 90 euros por unha PSP 3000.

PUBLICIDADE