A Nintendo Wii podería esgotarse este Nadal

mércores, 5 de decembro do 2007 Marcus Fernández

O pasado Nadal o obxecto de desexo para moita xente foi a Nintendo Wii, que foi o produto máis difícil de atopar, pois se esgotou en tódolos puntos de venda, de xeito que só se puideron facer coa consola nipona os compradores que a reservaron con tempo, e a situación, aínda que dun xeito menos radical, podería replicarse nas vindeiras semanas pois, aínda que a Xbox 360 e a PS3 comezaron a popularizar os seus prezos, a Wii segue a ser a consola máis demandada, especialmente polos máis pequenos da casa.
O éxito da Wii comeza a apreciarse na dificultade de atopar algúns xogos (Mario & Sonic en los Juegos Olímpicos, Super Mario Galaxy ou Legend of Zelda) e periféricos para a consola, coma poden ser os nunchuks.
Curiosamente parece que os problemas de abastecemento afectan especialmente ás grandes cadeas de venda, mentres que nas tendas pequenas pode ser máis doado, pero o que parece indubidable é que as fortes vendas da Wii se van repetir nesta campaña de Nadal.

PUBLICIDADE