A Nintendo Wii podería ter superado o número total de vendas da Xbox 360

xoves, 23 de agosto do 2007 Marcus Fernández

A guerra das consolas de nova xeración está a resultar moi dura, e a forte entrada da Nintendo Wii colleu por sorpresa a moitos dos actores do lecer electrónico, pero as cifras cantan, e se nos fiamos dos datos publicados por Video Game Chartz a Nintendo Wii xa superaría en vendas á Xbox 360 durante estas datas e, nin que dicir ten, deixa á PS3 nunha posición ridícula (o que non indica que esta última consola poida funcionar moi ben no futuro).
A Xbox 360 viña a dominar a nova xeración de consolas grazas a que comezou a venderse un ano antes que as súas competidoras, e o prezo da PS3 está a supor un importante atranco para a súa comercialización, pois a Xbox 360 e a Wii xuntas custan case o mesmo que unha das consolas de Sony.
A penetración da Wii nos fogares está a ser moi rápida, e segundo algunhas publicacións aínda faltarían unhas semanas para que superase á Xbox 360, pero dende VG Chartz afirman que xa o fixo porque eles se basean nas compras dos consumidores e non no número de consolas postas en circulación, o que confirmaría a posición de Nintendo no sector das videoconsolas, pois reinaría no contorno doméstico de nova xeración como tamén fai nas consolas portátiles lembrando ós tempos nos que a compañía arrasaba coa súa Gameboy e a SuperNintendo.
Pero hai un elemento que fai que esta guerra de consolas non teña claros vencedores, xa que os resultados están a ter certas disparidades xeográfica: no Xapón a Wii arrasa mentres a Xbox 360 apenas ten presenza e a PS3 está a ter uns resultados inesperadamente malos, en Europa a PS3 e a Xbox 360 están a acadar uns resultados aceptables e nos EE.UU. a Xbox 360 aínda conserva a súa posición vantaxosa grazas ó seu pronto lanzamento.
Ante o baile de datos tamén hai que lembrar que Sony aínda está a vender a súa PS2, que curiosamente é a consola doméstica que máis se está a vender na actualidade, en boa medida polo seu atractivo prezo e polo feito de que tras 7 anos no mercado os seus xogos aínda acadaron o seu clímax hai poucos meses, de xeito que os títulos á venda amosan unha calidade impresionante, mentres que as novas consolas aínda tardarán en ter grandes xogos que tiren proveito de tódalas súas prestacións.

PUBLICIDADE