A Nintendo eShop celebra o Black Friday con grandes descontos

xoves, 22 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Tradicionalmente a eShop de Nintendo ten uns prezos bastante elevados, xa que os xogos manteñen o seu prezo oficial, mentres que en formato físico poden experimentar rebaixas ao longo do ano, pero desta volta a compañía nipoa quixo tirar proveito do Black Friday para potenciar a venda dos seus xogos en dixital, de xeito que lanzou as súas ciberofertas con descontos de até un 75%.
Os descontos da Nintendo eShop son especialmente salientables nos xogos máis representativos do catálogo da Nintendo Switch, como Super Mario Odyssey, que pode mercarse a 39,99 euros (cando en formato físico non nos consta que se ofrecese nunca a menos de 45 euros), ou The Legend of Zelda: Breath of the Wild a 48,99 euros. Outras ofertas interesantes serían, por exemplo, as de The Elder Scrolls V: Skyrim, Xenoblade Chronicles 2 ou Donkey Kong Country: Tropical Freeze a 39,99 euros cada un, ou Rocket League a 11,99 euros.
Pero as rebaixas non se limitan á Switch, senón que tamén podemos atopar xogos de Ninendo 3DS a prezos magníficos, como Monster Hunter Stories a 19,99 euros, The Legend of Zelda: Ocarina of Time 3D (remasterización do que está considerado como o mellor xogo da historia para moitos) por 13,99 euros, Monster Hunter Generations por 22,49 euros ou Xenoblade Chronicles 3D por 29,99 euros.
Incluso pode sorprender que non esquecesen á Wii U, consola para a que ofertan Super Mario Maker a 27,99 euros, Xenoblade Chronicles X a 39,99 euros e The Legend of Zelda: Breath of the Wild a 48,99 euros.

Vídeo promocional das ciberofertas de Nintendo

PUBLICIDADE