A PS Store principia hoxe numerosas ofertas

mércores, 7 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A PlayStation Store inicia hoxe novas promocións, comezando por unha interesante oferta da semana: o xogo Diablo III: Eternal Collection por 24,99 euros, o que supón un aforro do 64% fronte ao seu prezo habitual. O produto ofertado inclúe o xogo orixinal, a expansión Reaper of Souls e o pack Espertar do Nigromante, polo que pode considerarse un volume definitivo para os amantes desta franquía.

Descontos nos xogos de EA

Aparte do Diablo III para PS4, até o 21 de febreiro tamén manterase unha promoción de xogos de Electronic Arts, que incluirá títulos de PS3 e PS4 nos que non faltan grandes xogos como FIFA 18, Star Wars Battlefront II, Battlefield 1 Revolution, Need for Speed Payback, Los Sims 4 e moitos máis.
Por exemplo, Star Wars Battlefront II ofértase a 29,99 euros, Titanfall 2: Ultimate Edition a 14,99 euros, FIFA 18 a 29,99 euros, Battlefield 1 Revolution a 19,99 euros ou Los Sims 4 a 24,99 euros, ou sexa, que na meirande parte dos casos temos descontos que superan o 50%.

Máis ofertas

Até o 21 de febreiro tamén está de oferta Grand Theft Auto V para PS4 a 29,99 euros (19,99 euros no caso da súa versión para PS3) e tamén mantense unha grande selección de xogos a menos de 5 euros, con títulos como Daylight, Maldita Castilla EX, Hotline Miami, FEZ, MouseCraft e moitos outros.
Completa as ofertas Steep, que coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno pode mercarse por 27,99 euros.

PUBLICIDADE