A PS Vita xa está á venda en España

mércores, 22 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Algúns impacientes fixeron cola para poder mercar a PS Vita de xeito anticipado (e conseguir un xogo de balde)

Rematou a espera pola a nova consola portátil de Sony, a PS Vita, que chegou finalmente ás tendas de todas España, o que celebraron a pasada noite na Sony Store de Madrid, que abriu as súas portas ás 22:00 horas para que os usuarios máis impacientes puidesen facerse coa nova portátil de xeito anticipado, conseguindo os 100 primeiros compradores o xogo Uncharted: El Abismo de Oro de balde.
A estrea madrileña da PS Vita estivo amenizada polo mago Jorge Luengo e a DJ Marte Fierro, e contou con grande presenza de medios de comunicación que deron conta da chegada oficial dunha consola portátil que ten moito que demostrar, pois terá que competir coa dura competencia dos trebellos portátiles de Apple e coa forza da Nintendo 3DS, e que polo momento está a ter unha acollida moi mala no Xapón (as vendas levan varias semanas descendendo, continuando a quedar por debaixo da anterior PSP).


Vídeo que resume a festa de benvida que deron á PS Vita na Sony Store de Madrid
A recepción comercial da nova consola non parece ter nada que ver co seu hardware, que é excelente (pantalla táctil OLED de 5 polgadas, 2 mandos analóxicos, panel táctil traseiro, grande potencia para permitir un nivel gráfico semellante ao das consolas domésticas...), nin coas posibilidades da consola máis alá dos xogos (integra aplicacións sociais para acceder a Facebook, Twitter e Flickr, senón polo seu catálogo de xogos inicial (que pese a ser sólido, podería pecar de repetir a fórmula de conversións de xogos de consolas domésticas que Sony seguira con pouco acerto coa PSP) ou polo perigo de achegarse demasiado aos smartphones, sector demasiado competitivo. De todos os xeitos, Sony distribuirá máis de 100.000 unidades da nova consola durante as vindeiras semanas, agardando rematar o ano con 300.000 unidades vendidas (obxectivo bastante ambicioso se temos en conta que a Nintendo 3DS venden 330.000 unidades en 10 meses).
Non podemos deixar de comentar que un dos principais atrancos que terá a PS Vita para cumprir os seus obxectivos é o feito de que o prezo de venda recomendado do seu modelo con Wi-Fi é de 249,99 euros (o modelo 3G ten un prezo libre de 299,99 euros), o que parece demasiado elevado para unha consola portátil na conxuntura económica actual (lembremos que a Nintendo 3DS só tivo boas vendas tras reducir o seu prezo de 249,99 a 169,99 euros).

Coa súa pantalla táctil e outras prestacións, a PS Vita achégase aos xogos que tanta popularidade acadaron nos smartphones
A consola conta cun catálogo inicial de xogos bastante sólido
A PS Vita goza dunha pantalla OLED de 5 polgadas e os mellores gráficos que podemos ver nunha consola portátil

PUBLICIDADE