A PS3 incorpora tenda de vídeos, canles de televisión á carta e acceso a Facebook

xoves, 19 de novembro do 2009 Marcus Fernández

A PS3 permite explorar as fotografías compartidas en Facebook

A PlayStation 3 vén de estrear o firmware 3.10 que sorprende inicialmente polo feito de incorporar soporte de Facebook só unhas horas despois de que a Xbox 360 fixese o propio, principalmente porque Microsoft anticipara esta mellora hai bastantes meses, mentres que Sony non soltara prenda sobre o tema. Pero o feito de poder compartir datos de xogo (coma os trofeos) en Facebook ou poder explorar as imaxes que comparten os nosos amigos en Facebook é o único que engade o novo firmware da PS3, senón que tamén facilita o acceso a contidos televisivos á carta dende a consola, que no caso de España limítase a RTVE, Antena 3 e LaSexta, cunha calidade bastante desigual (no caso de Antena 3 os vídeos non dan a talla).

RTVE, Antena 3 e LaSexta ofrecen os seus contidos a través da consola doméstica de Sony

Outras das grandes novidades é tamén a chegada da Video Store a España, de xeito que agora poden mercarse numerosas películas para a súa reprodución na PS3 e na PSP. Polo momento está dispoñible un catálogo de 325 películas, asegurando Sony que o irán incrementando con 50 novos filmes á semana, resultando posible tanto o aluguer (dende 1,99 euros, aínda que o normal é que sexan a 2,99 euros por definición estándar e 3,99 euros en alta definición) ou a compra (dende 8,99 euros, sendo máis habitual un prezo de 10,99 euros para definición estándar e 14,99 euros para alta definición). As películas mercadas poderán verse nas consolas de Sony, pero non poderán copiarse a disco ou verse dende o PC.
Este servizo de aluguer de películas de vídeo parece chegar en bo momento, xa que a oferta de contidos en alta definición é moi reducido, e deste xeito o público pode achegarse a contidos de calidade por un prezo bastante competitivo.


Vídeo de presentación da tenda de vídeos da PS3

A PSP tamén actualízase

O firmware da portátil de Sony tamén mellora, chegando á versión 6.20, que agora soporte listaxes de reprodución de vídeos e fotografías, aínda que a principal novidade incorporada é un lector de comics dixitais, que en Europa será inútil ata decembro, cando abran a correspondente tenda de comics electrónicos, posto que polo momento só existe tal para o público nipón, que pode xa adquirir mangas por entre 50 e 150 iens (0,38 e 1,13 euros) o exemplar.

PUBLICIDADE