A Plataforma i+dea presentou hoxe a súa Axenda Estratéxica de Investigación

venres, 7 de novembro do 2008 Raquel Noya

A Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega (i+dea) vén de presentar, esta mesma mañá en Santiago de Compostela, a súa Axenda Estratéxica de Investigación, o documento que define as súas prioridades no ámbito da I+D+i previstas para o sector. No acto de presentación participaron o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez mailo presidente da plataforma, Antón Reixa, quenes resaltaron a importancia de que “nun sector en continuo desenvolvemento tecnolóxico se sumen esforzos para fortalecer o sector industrial a través do impulso á I+D+i”.
Blanco salientou que, a importancia do sector, os procesos de concentración da industria e os retos que se presentan debido á aparición de novos medios dixitais e novas canles de distribución, “son algunhas das razóns polas que a Consellaría que preside apoia o nacemento desta Plataforma Tecnolóxica”.
Entre os obxectivos que persegue Innovación co seu apoio á plataforma i+dea sobresae a intención de “facilitar o vencello e intercambio de coñecementos entre empresas e asociacións empresariais, centros tecnolóxicos, organismos institucionais e grupos de investigación universitarios”, así como “mobilizar unha masa crítica de investigación, desenvolvemetno e innovación que potencie grandes proxectos cooperativos e que supoña avances tecnolóxicos no audiovisual galego”.

Empresas, universidades e administración

A Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega está liderada polo Clúster Audiovisual Galego e presidida por Antón Reixa. Conta con 77 socios (empresas, centros tecnoloxicos, grupos universitarios, entidades públicas, organizacións empresariais e unha fundación). No relativo ás compañías do contorno industrial, dedícanse tanto á creación de contidos audiovisuais como ao desenvolvemento tecnolóxico ou de aplicacións de software, aos servizos ao usuario, etc. A estas empresas súmanse a Xunta de Galicia, a Fundación TIC da Deputación de Lugo, as tres universidades galegas e tres centros tecnolóxicos: o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC).
Deste xeito, a Plataforma queda integrada polos estamentos científicos, tecnolóxicos e industriais do sector e a propia Administración, con capacidade para consensuar estratexias en Galiza no eido da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico do audiovisual, e co obxectivo de identificar, definir tendencias e explorar novas e emerxentes oportunidades de investigación neste ámbito que teñan un impacto real no tecido industrial galego.
Antón Reixa, presidente da Plataforma e do Clúster Audiovisual Galego, sinalou que i+dea ten a vontade de “establecer un diálogo estable e fluído para abordar con solvencia a auténtica revolución que está a vivir a industria audiovisual”. Reixa amosouse convencido de que será o esforzo conxunto o que permitirá “innovar en maiúscula e pór en práctica as mellores ideas” e de que, a través dun funcionamento “transparente e integrador, se fortalecerá á industria audiovisual galega ante o novo contexto dixital”.
O presidente da Plataforma i+dea explicou que a Axenda Estratéxica presentada esta mañá é a “folla de ruta para definir e mobilizar as iniciativas e os proxectos cooperativos no ámbito de I+D+i”, sempre co obxectivo de que o audiovisual de Galiza aumente a competitividade internacional “cunha inmersión efectiva na nova cultura dixital”.