A PlayStation 5 supera os 50 millóns de consolas vendidas

mércores, 20 de decembro do 2023 Marcus Fernández

A división de videoxogos de Sony non podía chegar mellor posicionada á campaña de Nadal, superando os 50 millóns de unidades vendidas nos 3 anos que a compañía leva no mercado, e triplicando no último o volume de vendas das consolas Xbox, que son o seu competidor directo.
Sony non só pode presumir dun amplo parque de consolas, pois tamén conta cun catálogo de xogos moi forte, con grandes exclusividades, e incluso unha boa colección de accesorios que prometen ocupar moitas cartas aos Reis Magos, como poden ser mandos, auriculares, carcasas ou mesmo dispositivos como un casco de realidade virtual ou unha especie de consola portátil para poder xogar remotamente á PS5.
Se a isto sumamos que xa está no mercado unha versión de tamaño reducido da PS5, polo que os modelos anteriores están a ofertarse a prezos moi competitivos, e que a Nintendo Switch está aproximándose ao seu remate de vida, temos o que promete ser o mellor Nadal posible para a familia PlayStation, que entrará en 2024 con grande forza e moi boas expectativas.

A PlayStation 5 está acompañada por unha chea de produtos que prometen ter boas vendas na campaña de Nadal

PUBLICIDADE