A Policía detén a 6 veciños de Vigo por explotar licenzas de Microsoft

xoves, 24 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Para quen non o saiba, e malia os achegamentos cara ao software libre que está a levar a cabo, Microsoft é unha empresa de software pechado. Polo tanto, quen teime aínda en piratear os seus produtos (cousa que se podería evitar se os usuarios beneficiados de todo isto botasen man de programas abertos, que hai bos e de abondo), corre o risco de levar algo máis que un susto na porta do seu negocio. Segundo informa a multinacional de Redmond, a loita contra o fornecemento ilegal dos seus produtos intensificouse estes días coa detención de 23 persoas polo “uso e explotación ilegal de licenzas de software de Microsoft nos equipos de informáticos de locutorios e cibers”. Dáse a circunstancia de que a operación, levada a cabo pola Policía Nacional, incluíu negocios de Vigo entre os inspeccionados. Resultado: seis persoas da cidade imputadas.
Asemade, abrangueu Málaga, Almería, Burgos e Talavera de la Reina. Ademais dos 23 arrestados, foron imputadas outras 22 persoas e practicáronse outras dúas detencións por atentar contra dos dereitos dos traballadores, “ao atoparse en situación irregular e sen un contrato de traballo axustado a Dereito”, informa Microsoft.
A investigación tivo o seu xermolo en varias denuncias achegadas pola propia compañía contra diversos establecementos de acceso ás redes por “empregar software ilegal nestes locais comerciais”. Previamente, a multinacional enviara peritos e detectives privados a estes establecementos sospeitosos de dar acubillo á copia masiva e non permitida de produtos informáticos, visita que abrangueu máis de 600 cibers e locutorios. A continuación, foille comunicada a estes negocios a posta en marcha do proceso, labor que levou a cabo a empresa Sogelise e que segundo apunta a compañía de Windows materializouse en varios requirimentos á legalización do software.
A xuízo da empresa multinacional, os locutorios e cibers intervidos son os que fixeron caso omiso das advertencias, polo que foron denunciados por un delito contra a Propiedade Intelectual. En total, foron 45 os establecementos intervidos.

PUBLICIDADE