A Raíña de Inglaterra estréase en YouTube coa súa mensaxe de Nadal

mércores, 26 de decembro do 2007 Marcus Fernández

A tradicional mensaxe de Nadal da Raíña de Inglaterra que se emite por televisión dende 1957, e que o ano pasado xa se puido seguir a través da Internet, deu un paso máis en favor das Novas Tecnoloxías, e estreou unha canle en YouTube chamada The Royal Channel, que inclúe dende a histórica mensaxe de Isabel II hai 50 anos ata a mensaxe deste Nadal, pasando por reportaxes sobre a relación da monarca cos seus primeiros ministros ou a voda da Raíña Nai.
A Raíña declarou que agarda que este novo medio faga a súa mensaxe de Nadal «máis persoal e directa» e que pode constituír «outro exemplo da velocidade á que cambian as cousas ó noso redor».
A Coroa española non parece tan avanzada como a británica no tocante á Internet, e aínda que a web da Casa Real permita acceder ó texto do discurso de Juan Carlos I de Borbón e mesmo á descarga do vídeo en formato Windows Media Video, o salgo a YouTube ou outra plataforma máis próxima ós internautas aínda non se deu.

PUBLICIDADE